O Colexio Oficial de Médicos da Provincia denuncia a alarmante escalada no número de agresións

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña únese a efeméride deste 12 de marzo, Día Europeo contra as Agresións a Médicos e Profesionais Sanitarios, para denunciar a alarmante escalada no número de agresións aos profesionais da saúde e visibilizar un problema que require unha resposta firme por parte das administracións públicas e da sociedade en xeral.
No ano 2024 rexistráronse 17 agresións a médicos en Galicia —4 delas na provincia da Coruña—. Destas, case dous terzos foron dirixidas contra mulleres. Os ámbitos máis comúns nos que se producen estas agresións son atención primaria (35 %), hospitais (29 %), urxencias hospitalarias e de atención primaria (12 % en ambos os casos), e outros espazos como mutuas, geriátricos, centros sociosanitarios ou de saúde mental (12 %). O 88 % destas agresións tiveron lugar no sistema público de saúde.
A maioría das agresións son de carácter verbal. Os insultos e as vejacións representan o 38 % do total, mentres que as ameazas e coaccións supoñen o 34 %. As lesións alcanzaron o 22 % —con case nove de cada dez afectando a médicas—, e os casos de acoso foron o 6 % do total.
En canto ás causas das agresións, máis da metade (57 %) están relacionadas con discrepancias coa asistencia médica, un 27 % coas discrepancias persoais, e un 14 % con informes que non cumpren coas esixencias do agresor. Tres cuartos do total das agresións están vinculadas co tempo de espera para ser atendido, e o 25 % restante débese ao mal funcionamento dos centros de saúde.
O doutor Javier Prieto, secretario xeral do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña e facultativo no centro de saúde de Acea de Ama (Culleredo), destacou a importancia de concienciar á cidadanía sobre o grave problema que supoñen as agresións a médicos. “Non hai nada que xustifique insultar, ameazar, agredir ou acosar a profesionais que só intentan axudar a quen o necesita”, sinalou.
Segundo explicou Prieto, “a base do problema é educacional, polo que son necesarias máis campañas informativas que aborden este fenómeno. Alí onde non chegue a educación, as forzas de seguridade e a xustiza deben actuar con firmeza”. O colectivo médico defende un “endurecemento das penas para os agresores” e tamén a “aprobación dunha lei orgánica que aborde o problema ou, polo menos, que se elabore un plan nacional”.
Ademais, o doutor Prieto destacou que as agresións das que se fala son só as rexistradas nas institucións colexiais, polo que hai moitas máis que non se denuncian ou das que non se ten constancia. "Algúns estudos estiman que en España se produxeron máis de 10.000 denuncias no ano pasado", apuntou. “Estamos ante un problema que non deixa de medrar, como se viu nos últimos meses coas agresións no Chuac", subliñou.
En 2024, a cifra de agresións alcanzou os récords históricos en España, cun total de 847 casos. A actitude do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña fronte a estas agresións é de tolerancia cero. "Animamos a denunciar a calquera profesional que se vexa afectado por esta lacra. Deben acudir ao Colexio, onde sempre lles axudaremos e orientaremos. Necesitamos visibilizar o problema para que ningunha agresión quede sen castigo e para poder previr estas situacións no futuro", concluíu.