O Colexio de Médicos da Coruña outorga a Medalla de Oro e Brillantes á pediatra Cecilia Vecillas

ACoruñaXa
A galardoada, moi querida polos seus pacientes, exerceu como pediatra en Oleiros durante máis de tres décadas e participou en varios proxectos de cooperación internacional
Imaxe da doutora Cecilia Vecillas
16 Maio 2024

A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu, por unanimidade, a proposta da súa Comisión de Honras e Premios, conceder a Medalla de Ouro e Brillantes da institución á doutora Cecilia Vecillas Sevilla, pediatra xa xubilada que exerceu durante máis de trinta anos en Oleiros. A Comisión propúxoa para recibir este galardón, o máis importante dos que concede o Colexio,  “polo seu defensa da prevención da enfermidade e a promoción da saúde, polo seu altruísmo asistencial, polo seu espírito solidario e por ser unha extraordinaria pediatra”, segundo recolle a acta.

A doutora Vecillas provén dunha familia de labradores, é a terceira de oito irmáns e puido realizar os seus estudos mediante sucesivas bolsas. Licenciouse en Medicina na Universidade de Oviedo e realizou o rotatorio e a especialidade no hospital da Coruña. Comezou a súa carreira profesional en Ponteareas en 1980, pero un ano despois trasladouse a Oleiros, onde exercería a profesión ata a súa xubilación, en 2015. A súa dedicación e compromiso cos pacientes converteuna nunha referencia e nunha profesional moi querida. Un agarimo que quedou patente, por exemplo, coa multitudinaria homenaxe que lle brindou o pobo e o Concello de Oleiros no ano 2016.

A nova Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio é unha gran defensora da prevención da enfermidade e das campañas de vacinación. Para ela, “as vacinas, xunto coa cloración da auga, a recollida de excretas, os antibióticos, a mellor atención ao embarazo e ao parto e a mellor asistencia nas unidades de Neonatoloxía son a causa da gran redución da mortalidade infantil”. Ademais, considera que “un bo médico debe estar moi ben formado desde o punto de vista teórico e ter coñecementos tecnolóxicos, pero non basta con ser un gran técnico. Necesítase unha formación humanista e en bioética, ademais de coñecer á poboación coa que se traballa e exercer na comunidade”.

A doutora, moi implicada coas causas relacionadas coa xustiza social, tamén desenvolveu un intenso labor como voluntaria. Participou en campañas de ámbito internacional como as realizadas en Perú, Honduras, Nicaragua e México. Alí “puido comprobar a existencia da desnutrición, que afecta a un terzo da poboación infantil do mundo”.

Sobre a situación do Sistema Nacional de Saúde, cre que habería que defender a sanidade pública diminuíndo a burocratización, aumentando os profesionais e mellorando a organización. Loita por mellorala e acabar coas listas de espera.

Para Vecillas, o recoñecemento do Colexio “é un orgullo e estou moi agradecida, aínda que creo que non son merecedora del. Eu soamente cumprín coas miñas obrigacións”, asegura.

Xunto a Cecilia Vecillas están en posesión da Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Ramón Cobián Varela, Luis Concheiro, Fernando Diz-Lois, Manuel Sánchez Salorio, Juan Suárez Barros, José Peña Guitián, José Fernández Pernas, Ángel Carracedo Álvarez, Alfonso Castro Beiras, José Castillo Sánchez, Javier Martínez Pérez-Mendaña, Joaquín Potel Lesquereux, Alfonso Solar Boga, Marisa Crespo Leiro, Arturo Louro González, Rosa Arroyo Castillo, Diego Murillo Carrasco e Santiago Rey Fernández-Latorre.

O galardón seralle entregado no transcurso do XVI Encontro Médico, que se celebrará o próximo 15 de xuño no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.

 

0.22054719924927