O Colexio de Médicos da Coruña acolle dende o luns a exposición 'Días de cine' de Gogue
O caricaturista e ilustrador Gogue Rodríguez López (O Grove, 1953) aterrará o vindeiro luns 4 de marzo, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña coa súa nova exposición, 'Días de cine'.
O evento de presentación comezará ás 19.30 horas, e nel participarán, ademais do propio artista, o presidente do Colexio de Médicos, Luciano Vidán, e o director, produtor e guionista Ángel da Cruz (gañador de catro premios Goya), que se encargarán de presentar ao autor das obras.
A partir do luns a mostra poderá visitarse ata o 26 de marzo, de luns a venres, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados entre as 12.00 e as 14.00. O acceso a exposición é de balde.
A mostra que Gogue expoñerá estará conformada por unha serie de 19 caricaturas inspiradas no mundo do cinema, nas que se dá unha visión diferente de grandes personaxes da sétima arte e de famosos actores, actrices e directores, entre os que se atopan Marilyn Monroe, Alfred Hitchcock, Joker ou Batman. A súa gran afección ao cinema, que lle acompaña desde a súa infancia, inspiroulle para crear esta colección.
O artista, Gogue Rodríguez López, desenvolveu toda a súa carreira profesional no ámbito da ilustración. Leva ao redor de 35 anos publicando unha tira humorística en en diferentes medios de comunicación galegos. Ademais os seus personaxes, encabezados polo popular Floreano, tamén foron protagonistas de varios curtos de animación.