O Colexio de Médicos da Coruña acolle ata o 28 de maio unha exposición de Carmen Silva e Fina Pita
A escultora Carmen Silva e a pintora Fina Pita comparten espazo nunha exhibición conxunta das súas obras que iniciará a súa andaina este 3 de maio, ás 18.30 horas, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña (rúa Rego de Auga, 29, primeiro andar). A sala de exposicións acollerá este conxunto de máis de 20 pezas artísticas ata o 28 de maio.
A obra de Carmen Silva destaca a abstracción da forma sobre a súa definición. “Traballei moito a pedra e o metal, pero a madeira chámame. Resúltame máis cálida e pódoa tratar en lugares pechados”, explica a escultora ao facer referencia a este material.
“Fascíname a cor mesma. Gústame mesturala, coñecer as súas posibilidades e ver como flúe libremente na miña pincelada”, comenta Fina Pita ao indagar na súa técnica. Os seus cadros achegan unha perspectiva diferente con paisaxes axardinadas e outras figuras que xa estiveron presentes en galerías da Coruña, Oleiros, Arteixo ou Culleredo. Tamén realizou portadas para revistas e libros.
Neste sentido, a doutora Carmen Silva compaxinou a súa paixón artística co seu labor como oncóloga-radioterapeuta ata a súa xubilación; unha tendencia que tamén compartiu con Fina Pita, que exerceu o seu rol como profesora de Lingua e Literatura Galega ata retirarse. Ambas están unidas por unha amizade de 30 anos que se transluce nesta exposición conxunta das súas obras.
A mostra poderá visitarse de luns a venres, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados, de 12.00 a 14.00. A entrada é libre e gratuíta.