O Colexio de Médicos da Coruña acolle a exposición fotográfica 'Xeitos'
A sección de fotografía do Grupo Bazán inaugura este sábado 27 de xaneiro, ás 12.00 horas, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, na rúa Rego de Auga, a exposición fotográfica 'Xeitos', que se poderá visitar do 27 de xaneiro ao 24 de febreiro. A mostra está conformada por distintas instantáneas que reflicten o estilo fotográfico de cada un destes dezasete artistas participantes da comarca de Ferrol.
A exposición poderá visitarse de luns a venres, en horario de 12,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas, e os sábados, de 12.00 horas a 14.00 horas. A entrada é libre e gratuíta.
As fotografías son principalmente con formatos de 30x45 centímetros e de 40x60 e atópanse presentadas en marco con cristal. Cada un dos dezasete participantes expoñerá dúas imaxes. "Os visitantes da exposición poderán ver un pouco de todo. Por exemplo: paisaxes mariñas e nocturnos, natureza, retratos, imaxes macro e fotografía de figuras”, explica Carlos Cruz, o delegado da sección e un dos fotógrafos da mostra. “Queriamos que este proxecto representase todos os nosos estilos e maneiras de ver a fotografía, é dicir, os nosos xeitos”.
Ademais de Carlos Cruz, expoñerán as súas instantáneas Alejandro Martínez, Antonio Carrete, Bea Rodríguez, Chus Villamar, David Souto, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, José Amigo, Luis Losada, Luz González, Marcos García, Miguel Chairo, Mónica Lorenzo, Pablo Mauriz e Pepe Botella, unha representación dos 38 integrantes que compoñen o grupo.