O Colexio de Dietistas-Nutricionistas de Galicia combate os falsos mitos alimentarios do verán

Por Amanda Fernández
Rematando este mes de maio, Galicia rexistrou temperaturas máis propias do verán que da primavera, chegando aos 30 graos en varios puntos do territorio e, mesmo batendo marcas históricas con 38 graos, en Ourense. Esta situación meteorolóxica excepcional non só altera a nosa rutina diaria, senón tamén os nosos hábitos alimentarios e necesidades nutricionais.
Atopámonos nunha antesala do verán, no que debemos prestar especial atención ao que comemos, como nos hidratamos e ás mensaxes sobre alimentación presentes nas redes sociais. Así, o traslada o Colexio de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (Codinugal), con sede na Coruña, a través de Rita Allegue Osset, vocal 6 da entidade. Que falsos mitos sobre a alimentación imperan? Os riscos das dietas de redes sociales? Ou a operación biquini? Sobre isto falamos nesta entrevista.
Dirían que que están a ver máis casos de intolerancias e sensibilidades alimentarias nos últimos anos?
É certo, nos últimos anos hai un aumento significativo das sensibilidades e intolerancias alimentarias. Eu creo que non hai unha única causa que explique isto; en xeral, está relacionado co cambio no estilo de vida. Vivimos sempre estresados e con présas, e os cambios na alimentación tamén inflúen: en xeral, lévase unha dieta rica en alimentos procesados, aditivos e azucres engadidos que sobrecargan o sistema dixestivo.
Tamén hai que ter en conta os factores xenéticos e os desequilibrios da microbiota. É un feito que o SIBO (sobrecrecemento bacteriano no sistema dixestivo) é cada vez máis frecuente e está moi relacionado coas intolerancias.
Como afectan o cambios de estación, especialmente a chegada do verán, aos nosos hábitos alimentarios e ás nosas necesidades nutricionais?
No verán, as comidas son moi diferentes, xa que coa calor temos menos ganas de pratos pesados e quentes (como guisos), e aumenta o consumo de alimentos máis lixeiros como ensaladas, froitas ou sopas frías (gazpacho, salmorejo...).
Coa chegada do verán, a necesidade de hidratación é maior, xa que coas altas temperaturas o corpo tende a deshidratarse a través da transpiración: suamos máis e perdemos, entre outras cousas, sales minerais como sodio ou potasio.
É fundamental beber, e que a bebida de elección sexa a auga. Alimentos como a sandía, o melón, o pepino ou o tomate son excelentes fontes de auga e minerais.
"Un gran mito moi estendido é que hai que eliminar o pan, a pasta e o arroz porque engordan moito"
Cada vez hai máis xente que segue dietas baseadas en influencers ou retos virais. Que perigos pode ter isto para a saúde?
Si, cada vez está máis estendido este fenómeno, e isto leva consigo perigos para a saúde, como deficiencias nutricionais, xa que adoitan ser dietas que eliminan completamente certos alimentos, reducindo así o consumo de vitaminas e minerais necesarios para o noso organismo.
Ademais de ser dietas moi restritivas, ralentizan o metabolismo, o que provoca que, ao abandonalas, o corpo tenda a recuperar o peso perdido e, en moitas ocasións, incluso algo máis (efecto rebote ou efecto ioiô). Tamén están as dietas moi ricas en proteínas (moi de moda) que poden provocar unha sobrecarga renal ou hepática.
Algunhas dietas poden desequilibrar os electrolitos do corpo, o que pode dar lugar á aparición de arritmias cardíacas. Todo isto pode provocar estrés, ansiedade, mala relación coa comida, perda de autoestima... Non debemos perder de vista que as dietas milagre non existen, nin existe nada que funcione igual para todas as persoas. É moi importante buscar un asesoramento profesional e personalizado.
Que recomendacións darían para manter unha boa alimentación durante o verán, especialmente en situacións de calor extrema ou viaxes?
O máis importante é a hidratación, e que a bebida de elección sexa a auga (debemos levar sempre unha botelliña connosco), evitando os refrescos e as bebidas alcohólicas, xa que favorecen a deshidratación. É recomendable facer comidas lixeiras, de doada dixestión, pouco copiosas e ricas en verduras, froitas e ensaladas. As froitas de tempada como a sandía, o melón, os pexegos, os tomates, a leituga ou o pepino, ademais de achegarnos auga, tamén nos aportan vitaminas e minerais.
No referente ás proteínas, o polo, o pavo e os peixes brancos son boas opcións, preparados con técnicas culinarias sinxelas como ao forno, á prancha ou ao vapor. E non podemos esquecer os cereais integrais, como o arroz ou a pasta, ideais para preparar ensaladas frías.
Que falsos mitos nutricionais imperan nesta época estival do verán?
Eu creo que o máis preocupante son as dietas detox, xa que son moi restritivas, non teñen ningunha base científica e, ademais, non son necesarias, pois o corpo humano xa conta cos seus propios mecanismos de desintoxicación, como o fígado e os riles.
No verán, alimentarse só con froita e verdura pode parecer saudable, pero non é suficiente: aínda que son alimentos necesarios polo seu achegue de micronutrientes, non cobren todos os nutrientes esenciais para o organismo. As bebidas light ou cero tampouco son unha boa opción para hidratarse, xa que adoitan conter edulcorantes artificiais que poden alterar a microbiota intestinal.
Un gran mito moi estendido é que hai que eliminar o pan, a pasta e o arroz porque engordan moito. Isto é un erro. Como xa dixemos, deben empregarse en preparacións culinarias sinxelas —por exemplo, en ensaladas— e preferiblemente en versións integrais. O problema non son estes hidratos de carbono, senón o que os acompaña.
Outro mito común é eliminar o glute en persoas non celíacas ou a lactosa para adelgazar, algo que non ten sentido se non existe unha intolerancia ou condición médica.
Tampouco é certo que non se poidan comer certos alimentos pola noite: o realmente importante é o equilibrio de calorías e nutrientes ao longo do día, non a hora na que se consome un alimento concreto.
"Aprende a distinguir entre fame real e fame emocional"
A “operación biquini” segue moi presente nas redes sociais. Que impacto pode ter este tipo de mensaxes na relación das persoas coa comida?
Si, é un concepto moi presente e, para min, o máis perigoso é o impacto tan negativo que ten na relación das persoas coa comida. Fomenta as dietas extremas, xera ciclos de restrición e atracón, e con iso unha insatisfacción corporal, baixa autoestima e perda de confianza. En resumo, a “operación bikini” promove todo o contrario ao que debería ser unha boa adherencia á dieta, ao benestar e á saúde.
Como é a concienciación sobre os trastornos da conduta alimentaria na provincia da Coruña?
É unha preocupación en aumento tanto pola súa detección como polo posterior tratamento, xa que entre os adolescentes, principalmente a través das redes sociais, estase a promover un estereotipo de beleza pouco saudable e dietas sen fundamento nin evidencia científica. Dende o colexio impartíronse charlas e formacións dirixidas aos colexiados para abordar esta problemática.
Se puideran dar tres consellos básicos e realistas á poboación para mellorar os seus hábitos alimentarios, cales serían?
Moi doado, diríalles: prioriza os alimentos frescos e de tempada, cociñados na casa; evita os refrescos azucrados; que a túa bebida de elección sexa sempre a auga, non refrescos con azucre; aprende a distinguir entre fame real e fame emocional; e aprende a escoitar o teu corpo e dálle o que realmente necesita.