O Club Salvamento Arteixo pecha unha tempada chea de éxitos e convocatorias internacionais

ACoruñaXa
Alba Gómez e Javier Balsa irán coa Selección española absoluta e competirán no Campionato de Europa de Salvamento
salvamento-arteixo
21 Jul 2025

O Club Salvamento Arteixo – SALVAR culmina a tempada 2024/2025 cun balance espectacular tanto a nivel individual como colectivo, converténdose nun dos referentes do salvamento e socorrismo a nivel galego e estatal.

Na modalidade de piscina, o club colleitou resultados destacados nas Series Mundiais dos World Games, onde Alba Gómez conseguiu a medalla de bronce nos 100 metros combinada, e no Open Internacional – Campionato de España, onde Javier Balsa acadou prata na mesma proba e un bronce nos 50 metros arrastre, mentres que Alba sumou un ouro nos 100 metros combinada e dúas pratas nas probas de 200 metros supersocorrista e obstáculos.

Estes resultados deron froito coa convocatoria de Alba Gómez e Javier Balsa coa Selección española absoluta, que competirán no Campionato de Europa de Salvamento, entre o 24 e o 31 de agosto en Polonia. Xunto a eles, Borja Soto formará parte do corpo técnico da selección, escollido pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo (RFESS).

Na parte de praia, os resultados tamén foron excepcionais. Nos campionatos galegos, o club proclamouse mellor equipo en categorías Júnior e Absoluta, e a nivel estatal, o equipo masculino júnior foi campión de España, mentres que na clasificación conxunta, sumando os puntos das rapazas, quedaron segundos a nivel nacional. En categoría absoluta, o equipo masculino foi subcampión de España, e na clasificación conxunta, cuartos mellores do país.

Tamén brillaron as actuacións individuais nos campionatos de verán:

Javier Hernández: ouro en carreira con ski e bronce en táboa, categoría absoluta.
Alejandro Montes: prata en bandeiras, categoría absoluta.
Mario Chacón: bronce en carreira con ski, categoría absoluta.
Rodrigo Rodríguez: ouro en carreira con ski, categoría júnior.
Brais García: prata en sprint, categoría xuvenil.
Joel Rioboó: ouro en sprint e prata en bandeiras, categoría júnior.
Jimena Rodríguez: prata en bandeiras, categoría júnior.
Carmen Montes: bronce en bandeiras, categoría júnior.

En probas colectivas:

Equipo Ocean Masculino: prata en absoluta e ouro en júnior.
Relevo Sprint Feminino: ouro en xuvenil.
Relevo Sprint Masculino: prata en xuvenil e júnior.

Desde a directiva do club destacan que non poden estar máis orgullosos do camiño feito polo equipo: “Sabendo todo o traballo que levan atrás e facéndoo sempre como un grupo de amigos, e sempre con respecto cara o resto de compañeiros de outros clubs”. Ademais, agradecen o apoio do SMD e do Concello de Arteixo e amosan a súa ilusión por tentar igualar ou superar os éxitos na tempada 2025/2026.

⚙ Configurar cookies
0.22337603569031