O Club de Remo Olímpico do Mandeo pecha 2025 con éxitos deportivos e unha reivindicación urxente: ter instalacións estables

As familias de dous deportistas do Club de Remo Olímpico do Mandeo fixeron balance do ano 2025 cunha mensaxe dobre: orgullo polos resultados acadados e preocupación pola falta dunha solución estable para adestrar e gardar o material. Segundo relatan, a tempada comezou con ilusión e cunha dinámica de traballo ‘constante’, con cambios de categoría para parte do equipo e unha progresión que se foi traducindo en bos postos nas regatas, froito do esforzo dos remeiros e do adestrador.
A situación deu un xiro ao comezo do verán, cando o club se viu obrigado a deixar o terreo no que tiña a súa ‘casa’ e as súas rutinas. A partir de aí, explican, instalouse a ‘incertidume’ entre a rapazada: como continuar cos adestramentos sen unhas instalacións adecuadas e cunha loxística cada vez máis complexa.
Nese contexto, as familias destacan o papel do Club Náutico de Sada, que lles prestou embarcacións e espazos para poder prepararse para o Campionato Galego de remo de mar, no que aseguran que o equipo logrou un bo feixe de medallas e resultados. Tamén salientan que, como cada ano, o grupo participou na Eco Regata de Betanzos, colaborando na limpeza da ría.
Mentres tanto, denuncian que a falta de alternativas obrigou a gardar os barcos en condicións precarias, primeiro nunha zona cedida por un veciño e máis tarde nunha finca que outras persoas da contorna puxeron á disposición do club. Aínda así, remarcan que a solución non é ideal: máis desprazamentos, máis tempo de montaxe e desmontaxe e adestramentos con frío e choiva, o que ‘triplica’ o traballo diario.
Pese a todo, o club pechou o ano con novos logros, entre eles un recoñecemento como mellor club nunha regata en Tui e vitorias en varias categorías da liga de remo olímpico, segundo apuntan as familias. De cara a 2026, o seu desexo é claro: que se vaian resolvendo os problemas que apareceron durante o último ano e que o equipo poida seguir medrando con estabilidade.