O Club de Halterofilia Cambre, subcampión galego feminino e masculino no Campionato de Clubes 2025

O sábado 18 de outubro de 2025 disputouse no Polideportivo Municipal dos Rosais, na Coruña, o Campionato Galego de Clubes de halterofilia, unha xornada de máximo nivel na que o Club Halterofilia Coruña se impuxo nas dúas clasificacións por equipos. O Club de Halterofilia Cambre rubricou un resultado histórico ao subir ao segundo chanzo do podio tanto en feminino como en masculino, consolidando a súa presenza na elite autonómica no seu cuarto ano de vida.
Na categoría feminina, a igualdade foi máxima: o Club Halterofilia Coruña sumou 1.137,48 puntos Sinclair, por diante do Club de Halterofilia Cambre, con 1.131,72, e do CH Ourense, terceiro con 1.037,39. No eido individual, brilou Eduarda Souza 'Duda' (Club de Halterofilia Cambre), autora da mellor marca feminina da competición, acompañada no podio por Uxía Romero (CH Ourense) e Irene Blanco (Club Halterofilia Coruña).
En masculinos, o Club Halterofilia Coruña agregou 1.572,31 puntos Sinclair para facerse co título, seguido polo Club de Halterofilia Cambre con 1.549,44 e polo Club Halterofilia Sulyos, terceiro con 1.437,20. A nivel individual, Javier Rodríguez (Club de Halterofilia Cambre) acadou a mellor marca masculina da competición; o segundo posto foi para Iván Darío (CH Ourense) e o terceiro para Asier Blanco (Club de Halterofilia Cambre), recoñecido tamén como terceira mellor marca masculina do torneo.
Desde a entidade cambresa salientouse o carácter inesquecible da xornada, na que, malia competir con recursos máis modestos ca outros rivais, o equipo demostrou unha vez máis ambición e capacidade para pelexar polos títulos.