O Club de Golf Paderne recibe a visita do profesional coruñés Ignacio Mateo

O Club de Golf Paderne celebrou hoxe a visita do golfista profesional Ignacio Mateo, quen mantivo un encontro co alumnado da escola do club, atendeu preguntas e posou para fotografías nun ambiente didáctico e festivo.
Mateo, de 24 anos e formado como enxeñeiro mecánico na Universidade de Exeter, deu o salto ao profesionalismo en 2025 despois dunha sólida traxectoria amateur. Este ano afronta a súa primeira tempada no circuíto internacional Alps Tour, paso previo aos grandes tours europeos.
O coruñés é socio do Real Club de Golf da Coruña e en setembro gañou unha das dúas prazas da previa clasificatoria para disputar o Open de España 2025 (DP World Tour), torneo celebrado do 9 ao 12 de outubro no Club de Campo Villa de Madrid. O resultado reafirmou a súa progresión competitiva e situouno no escaparate do golf español.
Desde o club subliñaron a importancia de achegar referentes actuais ás xeracións máis novas, e agradeceron a dispoñibilidade do xogador para compartir consellos e experiencias que animen á canteira de Paderne a perseverar na práctica do golf.