O club de balonmán OAR Coruña celebra o ascenso á División de Honra Prata

ACoruñaXa
O combinado recibiu o recoñecemento da Xunta de Galicia ao conseguir o ascenso logo de tres tempadas loitando
balonman-corunha
29 May 2025

O club de balonmán OAR Coruña recibiu o recoñecemento da Xunta de Galicia polo seu histórico ascenso á División de Honra Prata masculina, tras tres tempadas consecutivas loitando por entrar nesta categoría. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro co cadro de xogadores, corpo técnico e directiva do equipo para felicitalos polo éxito deportivo.

Durante a xuntanza, celebrada na cidade herculina, Calvo destacou o gran momento que atravesa o balonmán galego, cun total de 11.000 licenzas federativas, das que un 40 % corresponden a xogadoras. Referiuse tamén ao mérito do OAR, que logrou finalmente o ascenso despois de tres intentos consecutivos, e que compartirá categoría co Cisne, outro representante galego na División de Honra Prata.

O conselleiro manifestou o seu desexo de ver pronto tanto ao OAR como ao Cisne competir na máxima categoría do balonmán español, a liga Asobal, onde xa se atopa o Frigoríficos do Morrazo Cangas. Ademais, tivo palabras de lembranza para Pablo Aguirregabiria, quen fora adestrador e figura clave na historia do club coruñés, falecido hai dous anos, a quen definiu como a “alma máter” do OAR.

O ascenso do OAR Coruña supón un novo impulso para o balonmán da cidade e reforza o papel de Galicia como referente neste deporte a nivel estatal.

⚙ Configurar cookies
0.14450407028198