O Club BTT Caimanes ‘agasaia’ aos afeccionados cun adianto anunciando a data da 9ª 'Ruta del Agua'


O Nadal chegou con sorpresa para a comunidade do BTT en Betanzos. O Club BTT Caimanes anunciou que Papá Noel deixou ‘un agasallo’ para as persoas seguidoras e amantes da bicicleta de montaña: a data da próxima edición da 'Ruta del Agua'. Na imaxe compartida aparece unha tarxeta cunha mensaxe clara: '9ª Ruta del Agua (21 de xuño de 2026)'.
A proba, xa asentada no calendario deportivo local, alcanzará así a súa novena edición e, segundo o calendario oficial da Federación Galega de Ciclismo, celebrarase o 21 de xuño, co punto de encontro na Praza Irmáns García Naveira, no centro da cidade.
A falta de que a organización publique os detalles desta convocatoria, o historial recente da marcha dá pistas do formato que vén consolidando. En edicións anteriores, a 'Ruta del Agua' propuxo dous percorridos de distinta esixencia (30 e 50 quilómetros) e estableceu inscricións diferenciadas para persoas federadas e non federadas. Tamén se fixou un límite de participación de 500 prazas e a tramitación realizouse a través da plataforma da Federación.
Co anuncio da data, o club abre xa o contador para unha cita que adoita reunir ciclistas de distintos puntos de Galicia e que, ano tras ano, se converte nun escaparate do BTT na comarca. Por agora, a recomendación para as persoas interesadas é estar pendentes das canles do Club BTT Caimanes e das publicacións da Federación Galega de Ciclismo, onde se adoitan activar as inscricións cando se achega a proba.