O CITIC da Universidade da Coruña participa no primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica

A Comisión Europea vén de outorgar o Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX), con presenza galega a través do Cesga, do CITIC da UDC e do CiTIUS e IGFAE da USC, nun consorcio de 11 socios de cinco países coordinado por Stichting QuantumDeltaNL.
O QEX pretende impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas, ofrecer servizos e formación especializada e reforzar o liderado europeo en computación cuántica. A participación galega achega un orzamento de 1,36 millóns de euros, cofinanciado ao 50% pola Comisión Europea e ao 50% polo Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación.
No marco do proxecto, o equipo do CITIC (Diego Andrade, María J. Martín, Juan Touriño e Basilio Fraguela) realizará o benchmarking sistemático de algoritmos e ferramentas, consolidando o posicionamento da UDC nunha iniciativa estratéxica para a próxima era da computación.