O CITEEC colabora con Drenatges del Besòs no estudo do saneamento urbano

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña acolleu esta semana a visita de técnicos da empresa Drenatges Urbans del Besòs, dedicada á xestión da drenaxe na conca dos ríos Besòs e Tordera, en Barcelona.
Os técnicos, en colaboración cos investigadores Jose Anta, Silvia Felpete e Juan Naves do Grupo de Investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), traballaron na instalación de equipos de medición de caudal e nivel nun modelo físico de 100 m2 que representa un sistema de saneamento, aproveitando as capacidades do gran simulador de chuvia do centro tecnolóxico da UDC.
Esta actuación enmárcase dentro do proxecto PAITIDA, promovido polo Consorci Besòs Tordera e financiado polo PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga do MITECO. O proxecto ten como obxectivo mellorar a planificación, operación e mantemento dos sistemas de saneamento dos municipios de Granollers, La Llagosta e Montornès del Vallès.
A instalación destes sensores permitirá simular e analizar con maior precisión o comportamento hidráulico das redes de saneamento en condicións de chuvia intensa, contribuíndo ao desenvolvemento de ferramentas de apoio á decisión para prever inundacións urbanas e mellorar a calidade ambiental do río Besòs.
Un enfoque pioneiro na medición de caudais
Desde a Universidade da Coruña, o obxectivo principal desta colaboración é analizar a precisión de distintos equipos de medición de caudal e desenvolver unha metodoloxía innovadora para cuantificar os erros asociados. Para iso, aplicaranse técnicas estatísticas avanzadas e modelos de machine learning e intelixencia artificial.
Este enfoque é pioneiro no ámbito da drenaxe urbana, onde a complexidade da contorna e a dificultade de realizar medicións precisas limitaron tradicionalmente este tipo de análises. Mentres que noutros sectores científico-tecnolóxicos xa se aplican metodoloxías similares, no campo do saneamento urbano este traballo representa un avance significativo cara unha xestión máis eficiente e baseada en datos.