O Circuíto Travesía Costa Duacode xuntou na Coruña a centos de nadadores cun carácter solidario

ACoruñaXa
Tamén houbo tempo para o disfrute das e dos máis pequenos coa celebración da Travesía Costa Júnior
Imaxe da Travesía Costa Duacode na Coruña
1 Xul 2024

Este domingo celebrouse na Coruña a Travesía Costa Coruña de augas abertas, unha competición que marca o punto de partida á sétima edición do circuíto Travesía Costa Duacode, que conta co apoio do Concello da Coruña nesta primeira cita do calendario.

Centos de persoas participaron pola mañá nas diversas probas deportivas incluídas na programación da xornada, que se celebrou en augas de Riazor e o Matadoiro, e comezou cunha travesía a nado de 3.000 metros, seguida, posteriormente, dunha segunda quenda cun percorrido máis reducido, de 1.000 metros. Ámbalas dúas, ideadas para persoas adultas. Diego Guitierrez e Lucía Abadín gañaron a proba absoluta e Pablo Gómez e Lucía Taboada a de 1.000 metros.

Porén, houbo tempo para o disfrute das e dos máis pequenos, coa celebración da Travesía Costa Júnior, na que se inscribiron nenas e nenos en idade de 5 a 13 anos.

A mañá de competición rematou coa entrega de trofeos, na que o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, estivo acompañada por Sergio Castellanos, presidente do Club Hércules Termaria, organizador da proba desta fin de semana. Neste sentido, Vázquez puxo en valor "o traballo das e dos profesionais que impulsan este circuíto de travesías en augas abertas, polo carácter solidario das probas e o apoio amosado ás asociacións á hora de promover, por exemplo, a integración das persoas con capacidades diversas".

Tras A Coruña, o circuíto Travesía Costa Duacode chegará a outros cinco concellos da provincia, entre o vindeiro mes de xullo e inicios de setembro: serán Oleiros, Fisterra, Malpica, Portosín e Dumbría, coa disputa da travesía do Ézaro.

0.18436503410339