O circuíto José Ramón Losada dá un paso clave cara ao Europeo de Autocross 2027

ACoruñaXa
Un informe favorable da FIA avala a candidatura e abre o trámite para a homologación ‘grao 6’, que determinará as melloras técnicas necesarias no trazado de Arteixo
ARTEIXO autocross
14 Feb 2026

O Autocross de Arteixo avanza na súa aspiración de entrar no calendario do Campionato de Europa en 2027. A Federación Internacional do Automóbil (FIA) emitiu un informe favorable no que confirma que o circuíto José Ramón Losada cumpre os requisitos para acoller unha proba continental, un paso que reforza a candidatura tras varios anos de traballo para consolidar a instalación e a organización do evento.

Co ‘ok’ inicial enriba da mesa, o proceso encara agora a fase decisiva: a homologación do circuíto baixo o estándar FIA de ‘grao 6’. Este trámite concretará que adaptacións e melloras deberán executarse para cumprir de maneira completa cos requisitos internacionais para trazados de autocross e disciplinas afíns, e suporá unha inspección específica dentro do procedemento recollido pola FIA.

Segundo a información trasladada estes días, a Peña Autocross Arteixo xa solicitou a tramitación a través da Real Federación Española de Automobilismo (RFEDA) e a FIA prevé enviar un especialista que detalle as modificacións técnicas necesarias nas instalacións para poder dar o salto definitivo ao calendario europeo.

En paralelo, a entidade organizadora foi convidada a participar no seminario internacional de Off-Road da FIA que se celebrará en Porto, un encontro no que se comparten experiencias organizativas e se actualizan criterios e normativas no ámbito das competicións de terra. O circuíto José Ramón Losada é unha referencia consolidada no autocross estatal, con presenza habitual en probas do Campionato de España (CEAX) e unha traxectoria que o foi situando como un dos escenarios con maior capacidade de convocatoria.

A proba europea á que aspira Arteixo enmárcase no campionato continental regulado pola FIA para Autocross e Cross Car, cuxas esixencias técnicas e deportivas condicionan tanto a homologación do trazado como a organización do evento.

⚙ Configurar cookies
0.080271005630493