O circuíto Coruña Corre regresa este domingo coa VIII edición da carreira Matogrande-Xuxán

ACoruñaXa
A carreira popular de Matogrande-Xuxán contará con máis de 1.500 participantes e novidades no percorrido
Imaxe dunha edición anterior da carreira Coruña Corre en Matogrande
11 sep 2024

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre volve este domingo 15 de setembro coa oitava edición da carreira Matogrande-Xuxán. Máis de 1.500 persoas participarán nesta proba, a quinta da XI edición do circuíto. O prazo de inscrición pechou este domingo, destacando que 450 son novas inscricións, mentres que o resto xa formaban parte do circuíto total de Coruña Corre.

O percorrido desta edición terá un total de 6.640 metros e, como novidade, os últimos dous quilómetros transcorrerán polo barrio de Xuxán, incluído por primeira vez no circuíto. A saída será ás 10:00 horas dende a rúa Sebastián Martínez Risco, e a entrega de medallas está prevista para as 11:00 horas nas instalacións do Liceo La Paz.

Tamén haberá probas para categorías inferiores, desde sub-18 ata prebenxamín. As carreiras menores comezarán a partir das 11.15 horas, con entrega de premios ás 13.00 horas no mesmo lugar que a proba absoluta.

Alteracións no tráfico

Dende as 07.00 horas do domingo cortarase o tráfico na rúa Sebastián Martínez Risco, e as rúas do percorrido quedarán pechadas progresivamente co paso dos corredores e corredoras. Ademais, estarán restrinxidos os espazos de estacionamento nas rúas afectadas, incluídas Federico García e Enrique Mariñas, ata a finalización da proba e o desmonte da infraestrutura.

Os dorsais poderán recollerse a partir das 09.00 horas no Liceo La Paz, e habilitaranse servizos de duchas e gardarroupa para os participantes.

0.19922304153442