O Circo do Sol regresa á Coruña co seu espectáculo 'Corteo'

ACoruñaXa
A acollida do público non puido ser mellor, xa que as entradas están a piques de esgotarse
circo-corunha
20 Apr 2025

O Coliseum da Coruña converterase nas vindeiras semanas no escenario dun dos espectáculos máis emblemáticos do Circo do Sol. A recoñecida compañía canadense trae á cidade ‘Corteo’, unha proposta chea de maxia, acrobacias e poesía visual que poderá verse entre o 24 de abril e o 4 de maio.

A acollida do público non puido ser mellor: as entradas están a piques de esgotarse, segundo informa o Concello, que recomenda aos interesados que non demoren na súa adquisición. En total están programadas trece funcións, que prometen encher de emoción e fantasía o recinto coruñés.

‘Corteo’ —que significa “cortexo” en italiano— narra, nun ton onírico e festivo, o soño dun pallaso que imaxina o seu propio funeral nun ambiente entre o ceo e a terra. A obra mestura con mestría números acrobáticos espectaculares con momentos de humor, teatro e unha coidada posta en escena, propia da marca Cirque du Soleil.

Con máis de dez millóns de espectadores en todo o mundo, ‘Corteo’ é unha das producións máis aclamadas do Circo do Sol. A súa parada na Coruña enmárcase dentro da nova xira que a compañía está a realizar por diversas cidades de España.

 

⚙ Configurar cookies
0.1204879283905