O Circo de Artesáns premia a Manuel Rivas co recoñecemento de 'Coruñés do Ano'

ACoruñaXa
Busca destacar a traxectoria de personalidades da cidade que contribuíron ao seu desenvolvemento cultural e social
artesans-corunha
20 Mar 2025

O Circo de Artesáns da Coruña celebrou o seu 178º aniversario cun acto no que entregou o primeiro premio 'Coruñés do Ano' ao escritor e xornalista Manuel Rivas. Este novo recoñecemento busca destacar a traxectoria de personalidades da cidade que contribuíron de maneira relevante ao seu desenvolvemento cultural e social.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o evento, no que tamén participaron o presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga, e a deputada provincial Avia Veira. Durante a súa intervención, Rey enxalzou a importancia da entidade homenaxeada: “Hoxe celebramos a cerna da Coruña, a fábrica dos seus talentos e dinámicas, o lenzo que sempre se nutriu de pluralismo e liberdade”. Así mesmo, destacou o labor de Rivas ao longo de décadas: “Este recoñecemento vai moito máis alá, refírese a medio século de actividade, ou mellor dito, de activación. Sexa no plano cultural ou no social, Rivas forma parte da médula da Coruña e de Galicia, e faino cunha cosmovisión atlántica, comunal e ilustrada que nos define”.

Pola súa parte, a deputada Avia Veira resaltou o papel histórico do Circo de Artesáns na vida cultural da cidade e do país, lembrando figuras ilustres que pasaron pola entidade como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Castelao ou Emilia Pardo Bazán. “É unha sociedade viva, a máis antiga de Galicia, un fervedoiro cultural que acolleu personalidades que marcaron a nosa historia”, subliñou.

Veira tamén fixo fincapé na relevancia dos espazos de encontro como o Circo de Artesáns nun mundo dominado polo individualismo. “Atopar lugares onde pensar e escoitar, onde o común e a entrega persoal están no centro, é verdadeiramente revolucionario”, afirmou.

No peche do acto, a deputada provincial citou as palabras do propio Rivas, resaltando o papel esencial da poesía nos tempos actuais: “Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia. Estamos nun tempo de alarma, de mayday. A poesía sempre responde a un mayday”.

Con esta primeira edición do premio 'Coruñés do Ano', o Circo de Artesáns reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e a homenaxe ás figuras que contribúen ao enriquecemento da sociedade coruñesa.

⚙ Configurar cookies
0.3512921333313