O Circo de Artesáns lembra a Antón Vilar Ponte no 90 aniversario do seu pasamento

O Circo de Artesáns acolleu na tarde deste martes 3 de marzo de 2026 un acto de homenaxe a Antón Vilar Ponte coincidindo co 90 aniversario do seu pasamento. A iniciativa estivo organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e por Cántigas da Terra, e contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Durante a intervención institucional, Castro puxo o foco no papel de Vilar Ponte como unha das figuras máis destacadas das Irmandades da Fala e como motor dun proxecto colectivo arredor da identidade e da dignidade de Galicia. ‘Non foi só un xornalista comprometido: foi un activista, un organizador e un impulsor dunha Galicia que quería pensarse a si mesma con dignidade’, sinalou.
O edil tamén subliñou a pegada que o viveirense deixou na cidade, lembrando a súa vinculación co tecido cultural coruñés e con espazos como o propio Circo de Artesáns, escenario da vida asociativa e cultural da Coruña. Vilar Ponte foi director de A Nosa Terra e presidente de Cántigas da Terra, ademais de impulsar en 1916, xunto ao seu irmán Ramón, a Liga de Amigos del Idioma Gallego, xerme da primeira Irmandade da Fala.
A traxectoria política do homenaxeado tamén foi evocada: en 1931 foi elixido deputado pola ORGA e en 1936 volveu ao Parlamento como representante do Partido Galeguista. Antón Vilar Ponte finou na Coruña en marzo de 1936.
A homenaxe completouse cunha actuación de Cántigas da Terra e cunha lectura pública de textos do propio Vilar Ponte, nun acto que buscou reivindicar o seu legado intelectual e o seu compromiso co país.