O cine de culto regresa ao Fórum Metropolitano coa 12ª edición do ciclo Cinenterraza

O Fórum Metropolitano volverá ser este mes de xullo o epicentro do cine máis alternativo da Coruña coa chegada dunha nova edición do ciclo Cinenterraza, que cumpre xa doce anos achegando o mellor do chamado cinema de medianoite ou cult movies ao público local. A programación estenderase ao longo de oito sesións, que terán lugar todos os mércores e xoves do mes, sempre ás 22.30 horas.
“Desde o Goberno de Inés Rey promovemos iniciativas cinematográficas singulares ao longo de todo o ano para achegar á cidadanía grandes clásicos e filmes de moda, coa fin de facer máis doado o seu acceso a estas películas”, explicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, durante a presentación do ciclo.
As proxeccións, que se realizarán en versión orixinal subtitulada, terán lugar no vestíbulo do Fórum e contarán cunha persoa convidada en cada sesión. Unha vez rematado o filme, abrirase un coloquio co público asistente, fomentando así a reflexión e o diálogo arredor das obras seleccionadas.
Cinenterraza complétase cunha programación diversa e cunha clara vontade divulgativa. Nesta edición, os títulos escollidos percorren distintas épocas, xéneros e cinematografías, incluíndo clásicos do cinema europeo, estadounidense e asiático. Esta proposta estival súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello, como O Documental do Mes ou Estreas en VO, co obxectivo de consolidar unha oferta cinematográfica alternativa e de calidade accesible a toda a veciñanza.