O cine Alfonsetti proxectará o documental 'Jesús Núñez. Mestre de mestres'

ACoruñaXa
Unha obra audiovisual centrada na figura do artista betanceiro
cine-betanzos
14 Feb 2025

O vindeiro venres, 21 de febreiro, proxectarase no Cine Alfonsetti o documental 'Jesús Núñez. Mestre de mestres'. Esta obra audiovisual, centrada na figura do artista betanceiro e na Fundación CIEC, foi realizada por Zona Hadal para a Deputación da Coruña.

A sesión terá lugar ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. Logo da proxección está programado un coloquio aberto ao público no que intervirán a deputada de Cultura, Natividade González; Antón Taboada, de Zona Hadal, e Pedro Galilea, da CIEC. Ademais, o sábado 22, haberá no CIEC unha xornada de portas abertas, de 10 a 14h, como parte desta homenaxe ao artista.

O ARTISTA

“Jesús Núñez. Mestre de mestres” reconstrúe a vida e o traballo de Núñez a través dos testemuños do propio Galilea, sobriño do artista; Ángel Arcay, historiador e director do Museo das Mariñas; Tita Fraga e Isabel Durá, antigas alumnas do CIEC, ou Mercedes Fernández-Albalat, ex xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación, quen fala da vinculación da administración provincial co CIEC, co que colabora desde a súa fundación en diferentes proxectos coma o Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, que este ano chega á súa vixésima edición.

O documental pon en valor a figura de Jesús Núñez e fai un repaso pola súa traxectoria, desde a súa época de estudante nas madrileñas Escuela de Bellas Artes de San Fernando e Escuela Nacional de Artes Gráficas —formación que completaría en Berlín e París— ata a súa volta a Betanzos, onde instalou taller e fundou o CIEC.

Núñez creou unha obra que chegou a ser incluída nas bienais de Venecia e Tokio e que se caracteriza pola diversidade de técnicas e materiais, así como pola constante experimentación e busca de novas formas de expresión. Valeulle numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Gran Premio de Gravado no II Certame Nacional de Artes Plásticas de Madrid (1963) e o Primeiro Premio de Arte e Estampaxe da Exposición Nacional de Arte Contemporáneo de Madrid (1970). En abril de 2014, Núñez foi nomeado fillo predilecto de Betanzos.

0.15033507347107