O Ciclo TRC Danza traerá un total de 13 obras contemporáneas ao Teatro Rosalía de Castro
O TRC Danza de Primavera e Outono traerá, ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña, 13 das mellores propostas actuais, que se representarán entre abril e novembro, agás unha delas, de contido infantil, que terá lugar no Fórum Metropolitano.
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou este venres a programación do ciclo acompañado por Jacobo Sutil, director do Agadic, e polo director do Rosalía, Paulo Rodríguez.
“O Goberno local volve apostar un ano máis por unha programación de danza de primeiro nivel, que volverá a un dos escenarios máis prestixiosos de Galicia como é o do Teatro Rosalía de Castro”, indicou Gonzalo Castro. A programación de TRC Danza divídese nas temporadas de primavera, con oito funcións, e de outono, con outras cinco.
TRC Danza comezará o vindeiro venres 19 de abril con ‘Anöa’, de Elvi Balboa. Neste mes de abril realizaranse outras dúas sesións: ‘Multiperspectivas#2’ o venres 26 de abril e ‘É difícil fotografar o baleiro’ o sábado 27 de abril. En maio realizaranse as outras cinco funcións desta parte do programa, mentres que o ciclo de outono comezará en setembro.
Todas as funcións se representarán ás 20.30 horas e haberá, tal e como se indica no programa completo, dous prezos: unha de 12 euros e outra de 8 euros. Haberá tamén a posibilidade de adquirir abonos e bonificacións para diferentes colectivos, como é habitual. As entradas e abonos xa están á venda en Ataquilla e nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio Teatro Rosalía de Castro. Coa organización do TRC Danza colaboran o circuíto estatal Danza a Escena e Agadic.
Proxecto de mediación cultural
Desde o ano 2014 o Teatro Rosalía Castro acompaña o seu programa anual de danza TRC Danza cun proxecto innovador de mediación cultural e programación expandida. Este proxecto articula mecanismos de relación entre as e os artistas convidados e a cidadanía da Coruña coa intención de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento. A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas así como reforzar os seus vencellos coa nosa cidade. Colaboran co Concello nesta iniciativa o Centro Coreográfico Galego e o Agadic.
Programación
- Anöa: Venres, 19 de abril
- Multiperspectivas#2: Venres 26 de abril
- É difícil fotografar o baleiro: Sábado 27 de abril
- Go Figure: Venres 3 de maio
- Otempodiz + A raíz de: Sábado 4 de maio
- Ceibe: Xoves 16 de maio
- Placton: Luns 20 de maio (Fórum Metropolitano) Tempada de Outono 2024
- Proto (SN1806): Sábado 21 de setembro
- Corps Seul: Venres 4 de outubro
- Oro Negro: Venres 11 de outubro
- Sudar folklore: Sábado 16 de novembro
- The Ministry of Unresolved Feelings: Sábado 23 de novembro