O Ciclo Mestre Mateo chega á súa cuarta edición con proxeccións en seis concellos

ACoruñaXa
A mostra audiovisual promovida pola Deputación e a Academia Galega do Audiovisual arrinca en Betanzos
cico-son
7 May 2025

A cuarta edición do Ciclo Mestre Mateo bota a andar na provincia da Coruña grazas ao apoio da Deputación, co obxectivo de achegar o mellor do cinema galego a concellos que carecen de programación audiovisual estable. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa pola deputada de Cultura, Natividade González, e a vogal da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego.

A primeira proxección terá lugar este venres en Betanzos, e nas vindeiras semanas sumaranse os concellos de Boiro, Cedeira, Cerceda, Valdoviño e Vimianzo. Nestes municipios exhibiranse as producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo: As Neves, de Sonia Méndez; Xustiza artificial, de Simón Casal; Honeymoon, de Enrique Otero; + Cuñados, de Luis Avilés; así como os documentais Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina; e Prefiro condenarme, de Margarita Ledo.

Durante a presentación, Natividade González destacou que “o cinema segue a ser protagonista na provincia da Coruña” e que para a administración “é importante seguir apostando para que este tipo de proxectos se leven a cabo. O ciclo chega a lugares onde non existen grandes pantallas, polo que esta iniciativa é un exemplo máis do noso compromiso cunha cultura accesible para todos os veciños e veciñas da provincia”.

Pola súa banda, Alba Gallego subliñou “a importancia de que o cinema galego chegue a todos os recunchos do país, especialmente a aquelas localidades que non contan cunha programación audiovisual estable”. Engadiu tamén que “o Ciclo Mestre Mateo é unha ferramenta fundamental para fortalecer o vínculo da cidadanía co noso audiovisual, poñendo en valor o talento, a diversidade e a capacidade de contar historias propias que temos en Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.17661786079407