O ciclo internacional “Palestina Animada” chega por primeira vez á Coruña

A Coruña será a primeira cidade galega en acoller o ciclo internacional de cinema de animación palestino “Palestina Animada” este sábado 12 de xullo. Esta iniciativa, que reúne curtametraxes creadas por cineastas de Gaza, Cisxordania e da diáspora palestina, chega para visibilizar a cultura e a resistencia do pobo palestino a través do cine.
A proxección celebrarase ás 18.00 horas na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º). A sesión incluirá unha presentación a cargo do escritor e profesor Moncho Iglesias Míguez, quen compartirá a súa experiencia como docente en Palestina e a súa visión sobre a loita e cultura palestinas. Tamén asistirá Ángeles Cabria, da plataforma cántabra Cabezón por Gaza, promotora do proxecto, e que recentemente estivo na Coruña formando parte da tripulación do “Handala”, barco da Flotilla da Liberdade.
Este ciclo nace da colaboración entre artistas, cineastas e activistas de Palestina, Noruega e o Estado español, e estreouse en marzo de 2025 en Santander e Cantabria, continuando despois por Oslo, Madrid, Málaga e varias cidades portuguesas. Está previsto que siga a súa itinerancia por diferentes festivais e localidades europeas.
Organizado en Coruña polas asociacións Ánimas Anónimas e Galiza por Palestina, en colaboración coa plataforma Cabezón por Gaza, o evento recadará fondos mediante billeteira inversa e un mercadillo solidario. Os cartos irán destinados a apoiar directamente ás creadoras palestinas Haneen Koraz, Sheeren Abdelkarim, Khaled Jarada, Amal Nakhalaeh e Rasmi Damo, artistas de Gaza que continúan creando e resistindo en condicións extremas.