O ciclo 'Elas Son Artistas' traerá diferentes actuacións musicais á Coruña

ACoruñaXa
As actuacións terán lugar do 11 de abril ao 16 de novembro nos diferentes municipios da área metropolitana e tres salas da cidade
Imaxe da presentación de 'Elas son artistas' no Teatro Colón
3 Abr 2024

Á área metropolitana da Coruña volve a celebrar unha nova edición do ciclo de concertos Elas Son Artistas, que terá lugar en oito municipios da área metropolitana da Coruña entre o 11 de abril e o 16 de novembro.

Esta mañá de mércores tivo lugar a presentación da sétima edición do ciclo no Teatro Colón da cidade.  A ela acudiron o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro e representantes dos concellos próximos á cidade que participan no programa.

O edil estivo acompañado por Tomi Legido, director do ciclo, representantes dos distintos concellos participantes, colaboradores e artistas. O Teatro Colón, será o escenario que acollerá unha das primeiras actuacións; a de Maika Makovski do xoves 18 de abril, cuxas entradas xa están a venda.

Na Coruña, o ciclo desenvolverase en distintas localizacións e en tres emblemáticas salas de concertos: Jazz Filloa, Garufa Club e Sala Mardi Gras. Gonzalo Castro destacou o traballo levado a cabo polo Goberno de Inés Rey en materia de igualdade no ámbito cultural. “Durante estes cinco anos temos programado numerosos eventos de gran formato como foi, por poñer un exemplo, o concerto de Tanxugueiras no Festival Noroeste Estrella Galicia”, indicou Castro.

Deste xeito, o ciclo comezará o vindeiro xoves 11 de abril na sala Mardi Gras coa actuación da venezolana Georgina, unha das artistas internacionais que integran esta edición de Elas Son Artistas. Tras o concerto de Maika Makovski, a seguinte actuación na cidade será o xoves 30 de maio, na sala Mardi Gras, coa actuación de Hannah Aldridge (EEUU). Ademais das tres salas de concertos citadas, o Concello tamén cederá a Casa Museo Casares Quiroga para levar a cabo un obradoiro de iniciación á ilustración, impartido por Paula Mayor. Será o martes 16 e o mércores 17 de xullo. Ese mesmo mércores a praza de Azcárraga acollerá unha actuación de Cora Velasco, acompañada dunha sesión de pintura ao vivo.

Durante o mes de agosto haberá unha exposición de María Maquieira na Casa Museo María Pita. Durante o acto precisouse que aínda faltan por anunciar como mínimo dúas actuacións máis na cidade, entre elas unha no Jazz Filloa. O venres 4 de outubro, no Garufa Club, será a actuación de La Mare, pechándose o ciclo o sábado 16 de novembro na Sala Mardi Gras cun concerto de Las Antonias.

Gonzalo Castro destacou a importancia de manter ciclos de éxito coma este, cunha asistencia acumulada de máis de 20.000 persoas. “O talento feminino e o seu recoñecemento por parte do público vai en aumento e así o demostra Elas Son Artistas”, apuntou.

0.20331311225891