O ciclo de teatro 'Marusía Escénica' chega a Bergondo este sábado
O Concello de Bergondo acollerá tres obras do ciclo Marusía Escénica este sábado, 9 de marzo. Será a segunda parada desta iniciativa, impulsada por catro concellos da comarca da Coruña en colaboración con Camtheam e a Asociación Cultural Catrogatos co obxectivo de fomentar as artes escénicas.
As funcións, que serán no auditorio da Senra, comezarán ás 16.00 horas da man do grupo EMTSTeatro, que interpretarán 'En memoria de Troia'. Ás 18.00 horas será a quenda de EMUTO, do Centro Municipal de Artes Escénicas de Oleiros, que representará 'Anacos de vida'. Por último, ás 20.00 horas, Camtheam pechará a xornada teatral con 'Veredicto'. O acceso á sala será libre e completamente gratuíto ata completar o aforo.
O ciclo inaugurouse a pasada fin de semana en Sada. A continuación, pasará por Cambre os días 16 e 17 de marzo, para terminar o 7 de abril en Oleiros.