O ciclo Culleredo en Escena trae a O Burgo unha reinterpretación cómica do rei Ricardo III

ACoruñaXa
Trátase do cuarto espectáculo incluído neste ciclo de primavera, que forma parte á súa vez da Rede Cultural 2025
CULL-ESCENA
3 Jun 2025

O Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo converterase este venres, 6 de xuño, nun novo escenario do ciclo municipal Culleredo en Escena, cunha proposta teatral que combina humor e reinterpretación histórica. A cita será ás 20.30 horas e a entrada é de balde, aínda que cómpre facer reserva previa chamando ao 981 665 597 ou acudindo presencialmente ao propio edificio, entre as 16.00 e as 21.00 horas nos días previos á función.

Nesta ocasión, o público poderá gozar da obra ‘Mala vida e pior morte do rei Ricardo III’, unha produción do Centro Dramático Galego en colaboración con Producións Teatrais Excéntricas, coa interpretación do coñecido actor e humorista Evaristo Calvo, integrante do dúo Mofa e Befa.

A peza propón unha revisión en clave de comedia do mítico personaxe de William Shakespeare, presentando a figura do rei Ricardo III desde unha perspectiva audaz e irreverente, que non está recomendada para menores de 16 anos.

Trátase do cuarto espectáculo incluído no ciclo de primavera de Culleredo en Escena, que forma parte á súa vez da Rede Cultural 2025 promovida pola Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.15229487419128