O ciclo 'Cienenterraza' volve este mércores ao Fórum Metropolitano con clásicos de Welles e Bergman
O ciclo de películas de culto ‘Cinenterraza’, organizado polo Concello, volve a partir deste mércores 3 ao Fórum Metropolitano, cunha ampla programación de longametraxes clásicas que inclúe títulos de cineastas de prestixio como Dario Argento, Orson Welles e Ingmar Bergman, entre outros.
Será precisamente o director de cine italiano o que abrirá o calendario de proxeccións, con 'Suspiria', unha obra mestra do xénero do terror, protagonizada por Jessica Harper. Será o punto de partida dun ciclo que tamén recupera clásicos como 'Une histoire immortelle' (Unha historia inmortal), de Orson Welles e Jeanne Moreau, 'Le trou' (A evasión), dirixida por Jacques Becker e cun elenco encabezado por Philippe Leroy, 'Viskningar och rop' (Berros e murmurios) de Ingmar Bergman con Harriet Anderson á fronte e a australiana 'Walkabout', de Nicolas Roeg.
Todas as películas serán en V.O.S. e irán precedidas dun coloquio inicial no que Javier Trigales, programador cultural, guionista e coordinador do ciclo, fará unha sinopse previa na que achegará ao público os principais detalles e información sobre a longametraxe da xornada.
Coa posta en marcha desta 12ª edición de ‘Cinenterraza’, o Goberno de Inés Rey reforza a programación cultural prevista nesta tempada estival e amosa o seu compromiso co audiovisual, dando continuidade ás boas experiencias previas en ciclos como ‘As mellores películas da historia’ ou ‘Colón Noir’, que tamén recolleron títulos de cine clásico.
A programación estenderase ata finais de xullo
‘Cinenterraza’ terá lugar ata finais do mes de xullo, con cinco proxeccións previstas no seu calendario. Estas son as datas e horarios:
- Mércores 3 de xullo (22.30): 'Suspiria', de Dario Argento
- Mércores 10 de xullo (22.30): 'Une histoire immortelle' de Orson Welles
- Mércores 17 de xullo (22.30): 'Le trou', de Jacques Becker
- Mércores 24 de xullo (22.30): 'Viskningar och rop', de Ingmar Bergman
- Mércores 31 de xullo (22.30): 'Walkabout', de Nicolas Roeg
As entradas para asistir ás proxeccións xa están á venda. Poden adquirirse a través da páxina web de Ataquilla, así como no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se habilitará a súa venda no Fórum Metropolitano os mesmos día das proxeccións, sempre e cando haxa pases dispoñibles.