O Ciclo Bebescena oferta catro funcións de teatro para bebés no Ágora

ACoruñaXa
As entradas para todas as funcións, que se desenvolverán entre febreiro e maio, xa están á venda a un prezo de 6 euros
ciclo bebescena
5 Feb 2024

O Concello da Coruña volve a impulsar o Ciclo Bebescena con catro funcións de teatro para nenos menores de 3 anos e que se celebrará no auditorio do Centro Sociocultural Ágora entre os meses de febreiro e maio.

As catro obras dirixidas ais máis cativos reúnen algúns requisitos. Un deles é a proximidade entre a escena e o público, o que leva a que o patio de butacas se transforme nunha zona pegada ao escenario, con alfombras, coxíns ou pequenos bancos, onde nenas e nenos poden permanecer sentados con menos rigor e dun xeito máis acorde á súa anatomía, á beira dos seus pais. O segundo requisito é a duración, que flutúa entre 30 e 45 minutos, que é o tempo que a atención dun bebé se pode fixar na actividade.

As entradas para todas as funcións xa están á venda a un prezo de 6 euros. Tamén hai dispoñible un abono familiar de tres entradas para a mesma función a un prezo de 15 euros. Os menores de tres anos aboarán 2 euros por entrada. A compra de billetes pode realizarse a través de Ataquilla e dos despachos de billetes da praza de Ourense e do Ágora.

Programación

'Texturas', da Compañía La Curiosa

Domingo 25 de febreiro - ás 11.30 e ás 13.00 horas

Sinopse: Espectáculo 360º pensado para crianzas de 0-5 anos e as súas familias. Un mundo para explorar as texturas desde a música, a imaxe e o tacto. Un espazo branco que se transforma e non deixa de sorprender. Un espectáculo para os máis pequenos onde os grandes tamén xogan.

'Coser y cantar', de Teloncillo Teatro

Domingo 24 de marzo - ás 11.30 e ás 13.00 horas

Sinopse: Un espectáculo cargado de fíos, las, teas, botóns, palabras, sons, música e cancións. Fíos para un corazón descosido, cantos para un sete no calzón, contos para tecer bobadas, agullas para soñar en camisón. As cancións do espectáculo están compostas por Ángel Sánchez e ganduxadas -coma sempre, por Marieta Monedero- sobre poemas populares e de autores como Rafael Alberti, Ignacio Sanz, Charo Ruano, Liliana Cinetto e Cecilia Pisos.

ÑAM!, de Caramuxo Teatro

Domingo 28 de abril - ás 11.30 e ás 13.00 horas

Sinopse: Comer é un pracer, pero antes hai que cociñar e escoller os mellores produtos, porque as mazás poden ser verdes ou vermellas, as galletas grandes e pequenas, os tomates da casa ou doutro lado do mundo. Ñam! é un espectáculo creado a partir do mundo da cociña, para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia.

'Tú y yo', de DaTe Danza

Domingo 12 de maio - ás 11.30 e ás 13.00 horas

Sinopse: Dous corpos que respiran todo o que lles rodea. Dous corpos que aprecian o que non coñecen, dous corpos que xorden, crecen e descóbrense na súa tenra vida a través do xogo e da curiosidade. "Tu y yo", latexa dentro deses lugares comúns ás persoas, que ao compartilos vólvense presentes e nos fan mellores o recoñecelos. "Tu y yo", nace coa condición de utilizar os límites que conviven coas persoas, e usalos como discurso para a creación do espectáculo. Deseñado especialmente para a primeira infancia, este espectáculo ábrese a un mundo de posibilidades para bebés, nenos, nenas (de 6 meses en adiante) e familias.

0.20693802833557