O CIAM vende en poxa pública 58 exemplares de Rubia Galega por preto de 140.000 euros

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acolleu unha nova poxa pública de gando vacún de raza Rubia Galega, da que resultaron adxudicatarias 19 explotacións galegas. En total, subastáronse 58 animais —40 xovencas preñadas, 14 non xestantes e 4 touros— cun valor conxunto que roza os 140.000 euros.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou no acto e puxo en valor o traballo de mellora xenética que se realiza no CIAM para recuperar as aptitudes maternais desta raza autóctona. A recadación da poxa destinarase a seguir impulsando estas liñas de investigación.
A cita contou cunha alta participación por parte do sector: catro explotacións acadaron o número máximo de lotes permitidos —cinco— e unha delas realizou un investimento de 14.500 euros. Os prezos de saída nesta edición superaron nun 30 % os rexistrados na convocatoria do ano pasado, o que reflicte a boa acollida e demanda destes animais.
Esta é a segunda poxa organizada pola Consellería do Medio Rural en 2024. A primeira, celebrada tamén no CIAM, saldouse coa venda de case medio cento de animais a 13 granxas galegas, por un importe superior aos 94.000 euros. O éxito daquela convocatoria motivou esta nova edición.
O CIAM, dependente da Consellería, conta cun dos rabaños máis significativos de Rubia Galega, grazas á conservación da súa pureza xenética ao marxe de intereses comerciais. En total, o centro dispón de máis de 300 hectáreas de terreo, das cales 65 están reservadas á crianza desta raza. Desde este espazo desenvólvense proxectos de investigación que buscan mellorar a calidade do gando e reforzar a rendibilidade das explotacións galegas que traballan con Rubia Galega.