O CHUAC recibe a 129 novos residentes que se formarán nos centros da Área Sanitaria

ACoruñaXa
A nova promoción componse dun total de 129 residentes que se distribuirán polos hospitais Universitario A Coruña, Teresa Herrera, Marítimo de Oza, Abente y Lago e os centros de saúde
Imaxe do acto de benvida dos residentes no CHUAC
7 Maio 2024

A Área Sanitaria da Coruña e Cee conta con 129 novos residentes dende este martes 7 de maio.

Con motivo do acto de benvida da nova promoción de residentes que tivo lugar esta mañá, Luis Verde Remeseiro, xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, suliñou “a importancia que para os centros sanitarios supón a incorporación de novos profesionais en formación que estimulan aos propios integrantes da institución a manterse actualizados, transmitindo as súas experiencias para seguir formando especialistas de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional”.

Ademais de destacar que “entre todos intentaremos formar aos mellores profesionais e para iso ofrecémosvos a oportunidade de vos iniciar e progresar na investigación, xa que contamos con grupos consolidados de excelencia en liñas relacionadas coas enfermidades máis prevalentes, pero tamén as minoritarias. Aquí teredes a oportunidade de desenvolver o voso labor no eido da investigación biosanitaria. Unha organización ou un profesional que non investiga, que non se plantexa preguntas, está abocado a estancarse”.

Ao acto asistiron, ademais do Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, o equipo directivo e todo o persoal facultativo dos centros dependentes.

A nova promoción componse dun total de 129 residentes (68 prazas de medicina hospitalaria, 39 prazas de medicina familiar, 22 prazas de enfermería, 2 de farmacia, 2 de psicoloxía, 1 de microbioloxía e 1 de química) que se distribuirán polos hospitais Universitario A Coruña, Teresa Herrera, Marítimo de Oza, Abente y Lago e os centros de saúde

Os futuros especialistas elixiron este centro sanitario pola súa calidade asistencial, contrastada nacional e internacionalmente nalgunhas áreas, á que se suma o renovado interese pola actividade investigadora, facilitando o acceso dos seus residentes á carreira académica mediante os programas de terceiro ciclo, as novas liñas de investigación en ciencias biomédicas e completando a súa formación coa programación de cursos de materias médicas.

0.18212985992432