O CHUAC pecha 2025 con cifras récord: 313 transplantes e 51 doadores de órganos

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) volveu bater o seu propio récord en actividade de transplantes ao rematar 2025 con 313 intervencións e 51 doadores de órganos, segundo o balance presentado este xoves polo xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee nunha rolda de prensa.
O responsable sanitario destacou a ‘solidariedade’ da cidadanía e o traballo dos equipos do hospital, asegurando que a actividade do último ano equivale a ‘case un transplante diario’, co que iso supón en termos de segundas oportunidades para as persoas receptoras.
Por tipos de transplante, o CHUAC realizou en 2025 165 de ril (dos que 17 procederon de doadores vivos), 64 de fígado, 7 de páncreas, 26 de corazón e 51 de pulmón. Ademais, o hospital subliñou un incremento do 12% nos transplantes renais, que acadan a cifra máis alta desde o inicio do programa en 1981. No caso do pulmón, 2025 deixou a terceira mellor marca desde que este programa comezou no centro no ano 1999.
No apartado da doazón de tecidos, contabilizáronse 106 doadores de córneas, 34 de ósos e 18 de segmentos vasculares.
A área sanitaria tamén puxo o foco na evolución da doazón: a taxa de doantes segue en ascenso e situouse en 92,7 doantes por millón de habitantes, un 25% máis que o ano anterior. Segundo explicou a coordinación de transplantes, un dos factores clave é a consolidación da doazón en asistolia controlada, un procedemento implantado no CHUAC en 2012. De feito, en 2025 os transplantes de persoas falecidas por criterios circulatorios e respiratorios tras a limitación do tratamento de soporte vital superaron por primeira vez en Galicia ás doazóns por morte encefálica.
O balance inclúe tamén un dato sobre a aceptación familiar: 9 de cada 10 familias dan o si á doazón, co que as negativas se manteñen por baixo do 10%. Desde que o CHUAC puxo en marcha o seu programa de doazón e transplante en 1981, o hospital leva realizados 7.766 transplantes e rexistrados 1.128 doadores ata o remate de 2025.