O CHUAC logra 10 transplantes de órganos sólidos en 36 horas sen alterar a súa actividade ordinaria
Nas últimas 36 horas, o equipo de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) logrou realizar 10 enxertos de órganos sólidos sen afectar á actividade ordinaria dos quirófanos. Os órganos transplantados procedían de dous doantes cuxa xenerosidade permitiu salvar ou mellorar a vida de 10 pacientes. Os procedementos incluíron 4 enxertos renais, 2 enxertos hepáticos, 3 enxertos pulmonares e 1 enxerto cardíaco.
A pesar da intensa actividade que supón a realización de 10 transplantes en tan curto prazo, o CHUAC conseguiu manter a súa programación diaria grazas á coordinación e esforzo dos máis de 200 profesionais implicados. O equipo multidisciplinar contou con urólogos, cirurxiáns xerais, cardíacos e torácicos, así como nefrólogos, hepatólogos, cardiólogos, neumólogos e anestesistas, ademais do persoal das unidades de reanimación, coidados intensivos, enfermería e servizos xerais.
Con estas intervencións, o hospital segue a acadar cifras globais de transplantes moi elevadas, mantendo o alto nivel que caracteriza a súa actividade en anos anteriores.