O CHUAC incorpora un sistema robotizado para recuperar a marcha na Unidade de Neurorrehabilitación

O CHUAC reforza a súa Unidade de Neurorrehabilitación, no Hospital Marítimo de Oza, cun sistema de robótica orientado á recuperación da marcha que, segundo o xefe do servizo de Rehabilitación, Miguel Alonso, supón un avance clave para poder ofrecer neurorehabilitación intensiva, un enfoque que considera determinante para mellorar a evolución dos pacientes. Alonso lembra que a evidencia clínica apunta a que, para acadar unha recuperación completa, fan falta polo menos 3 horas ao día de tratamento, algo que na práctica é difícil de garantir para todos os casos, e que a nova tecnoloxía axuda a facelo máis viable.
O dispositivo funciona como un ‘laboratorio de marcha’: incorpora un arnés que suxeita o paciente e permítelle manterse de pé e camiñar con seguridade mesmo cando non é capaz de soster o peso por si mesmo, como ocorre en perfís con dano cerebral adquirido, ictus ou traumatismo cranioencefálico. Con este sistema poden realizar ciclos repetitivos de marcha, chegando a facer ata 1.500 pasos en media hora, un traballo repetido que, segundo explica o especialista, favorece que o circuíto neuronal vaia ‘reproducindo’ o patrón e acelere a recuperación ao ofrecer un ‘feedback’ continuo.
Xunto a este equipo, a unidade contará tamén cun segundo aparello cunha finalidade semellante, descrito como unha especie de bicicleta elíptica con control de equilibrio e arnés, que incluso permite traballar sentado. O obxectivo é sumar condicionamento físico e recuperación motora, ampliando as posibilidades terapéuticas para diferentes necesidades e niveis de mobilidade.
Alonso encadra esta dotación como un punto de inflexión para o tratamento na área sanitaria e no conxunto do Sergas, ao tratarse dun modelo que se está a estender: a plataforma principal está presente nas sete áreas sanitarias galegas e o segundo sistema instalaríase nas tres grandes (Vigo, Santiago e A Coruña).