O CHUAC inaugura unha mostra fotográfica polo Día Mundial da Diabetes

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Diabetes, o Hospital Universitario A Coruña acolle desde este 14 de novembro unha exposición fotográfica promovida por ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia). A mostra, instalada no hall principal do centro sanitario, pretende amosar a realidade da diabetes melitus na infancia e adolescencia, ao tempo que destaca que, con coidados axeitados e un seguimento constante, os menores con esta patoloxía poden levar unha vida plenamente normal, incluíndo a práctica deportiva e actividades propias da súa idade. En Galicia, a diabetes afecta a 5 de cada 1.000 nenas e nenos.
A nivel estatal, estímase que o 14% da poboación española convive coa diabetes, unha cifra que se aproxima aos 6 millóns de persoas. A incidencia tanto da diabetes tipo 2, maioritaria (90-95% dos casos), como da diabetes tipo 1 continúa en ascenso. O control adecuado da glucosa é esencial para mellorar a calidade de vida e reducir complicacións, e neste ámbito experimentouse nos últimos anos unha notable transformación grazas ás innovacións terapéuticas e tecnolóxicas.
Os expertos lembran que se trata dunha enfermidade crónica, polo que a prevención, a formación dos pacientes e a promoción da saúde seguen a ser pilares fundamentais para minimizar o seu impacto. Un mal control da diabetes pode derivar en graves complicacións, como enfermidades cardiovasculares, problemas renais ou retinopatías que poden provocar perda de visión.
A pesar destes riscos, os avances científicos amosan un horizonte alentador. Entre eles destacan tratamentos máis completos e fisiolóxicos (non só enfocados en reducir os niveis de glucosa, senón tamén en actuar sobre a resistencia á insulina ou a inflamación) e o perfeccionamento de dispositivos tecnolóxicos que, ata hai pouco, estaban centrados na diabetes tipo 1 pero que comezan a extenderse á tipo 2.
A exposición fai referencia a algúns destes dispositivos, como os sensores de glucosa de medición continua, que alertan ao paciente ante niveis perigosos; as bombas de insulina; e os sistemas integrados que combinan ambos dispositivos e representan un paso máis cara ao páncreas artificial.