O CHUAC consolídase entre os 20 mellores hospitais de España e lidera Galicia no ranking de Merco

ACoruñaXa
O complexo hospitalario da Coruña sobe ata o posto 18 no Monitor de Reputación Sanitaria 2025 e destaca en especialidades como Rehabilitación (6º) e Farmacia (7º)
A CORUÑA chuac
23 Jan 2026

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) situouse no posto 18 do Estado no Monitor de Reputación Sanitaria (MRS) 2025, elaborado por Merco, o que o coloca entre os vinte centros con mellor valoración de España e como o hospital galego mellor posicionado na clasificación xeral.

No listado estatal, o CHUAC aparece no mesmo grupo que algúns dos centros máis recoñecidos do país, encabezados por hospitais como o Universitario La Paz e o Gregorio Marañón, en Madrid, ou o Clínic de Barcelona. Dentro de Galicia, a clasificación deixa ao CHU de Lugo no posto 40 e ao CHUS de Santiago no 58, ademais doutras áreas como Vigo (69) ou Ferrol (90).

O informe tamén recolle a proxección de diferentes servizos clínicos. No caso do CHUAC, Rehabilitación (Medicina Física e Rehabilitación) acadou o 6º posto e Farmacia Hospitalaria, o 7º. Microbioloxía e Parasitloxía figura por primeira vez entre os mellor valorados e coloca ao complexo coruñés no 8º posto, mentres que Oncoloxía Médica e Cirurxía Oral e Maxilofacial sitúano no 13º. A lista complétase con Anestesia e Reanimación (14º) e co 15º posto en Cardioloxía e en Análises Clínicas.

Merco explica que esta edición do MRS incorporou 40 servizos hospitalarios e se sustentou en 11.010 enquisas a especialistas, persoal de enfermaría, equipos directivos, xornalistas e asociacións de pacientes, entre outros perfís, ademais da análise con indicadores obxectivos de calidade e xestión clínica en 145 servizos.

⚙ Configurar cookies
0.079499006271362