O CHUAC consolida a humanización en paliativos cun programa que permite despedirse das mascotas

O Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) e a Fundación María José Jove (FMJJ) reforzan a humanización asistencial coa iniciativa ‘Coa túa mascota’, que posibilita encontros entre pacientes da Unidade de Coidados Paliativos e os seus animais de compañía (nesta fase, cans). O obxectivo é manter o vínculo afectivo e reducir a ansiedade de quen afronta unha alta complexa ou a fase final da vida sen poder voltar ao domicilio.
Segundo profesionais de HADO e Paliativos, o impacto nas familias e, sobre todo, nos pacientes é “moi positivo”: a presenza dos cans introduce calma, baixa a tensión e achega ilusión cando hai sufrimento espiritual ou emocional. O programa, que levou preto dun ano de preparación, deseñouse de forma coordinada con Medicina Preventiva, Enfermaría e o Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña para garantir visitas seguras e ordenadas. ‘Tentamos que participasen todos os servizos implicados para traer as mascotas de maneira moi precisa e axudar anímica e emocionalmente aos doentes’, sinalan fontes médicas.
As visitas realízanse de luns a venres e, en condicións normais, no xardín do Hospital Marítimo de Oza. Cando non é posible, tamén se habilita a habitación. Esíxese que os cans estean ao día en vacinacións e desparasitacións; se o paciente carece de recursos, a FMJJ asume estes gastos. Non sempre se pode facilitar a entrada de animais de gran tamaño, mais nas experiencias xa realizadas observouse que, tanto na espera como despois do encontro, os pacientes relaxanse e encaran mellor o día a día.
Desde a FMJJ subliñan que ‘Coa túa mascota’ é outro paso no compromiso por pasar dunha atención centrada só na enfermidade a outra enfocada na persoa. ‘Os animais de compañía son un membro máis da familia e non deben quedar á marxe do peche de ciclo dunha vida. Foi longo poñelo en práctica e só é posible pola implicación do persoal do CHUAC en iniciativas que van máis alá da práctica médica’, destacan.
A iniciativa complétase coas liñas que a FMJJ xa desenvolve no CHUAC: apoio con cans de terapia en Psiquiatría, Saúde Mental Infanto-Xuvenil e Rehabilitación Infantil, ademais de programas de lecer para menores hospitalizados e melloras dos espazos familiares en Paliativos.