O CHUAC acolle a I Xornada de Humanización e Innovación Social con máis de 150 sanitarios

ACoruñaXa
A xornada será este xoves estará centrada en "persoas coidando persoas" exporá proxectos e iniciativas da Área Sanitaria da Coruña e Cee
Imaxe do CHUAC
20 Nov 2024

O salón de actos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) será mañá o escenario da I Xornada de Humanización e Innovación Social, que reunirá a máis de 150 profesionais do ámbito sanitario e social baixo o lema “persoas coidando persoas”. Participarán integrantes do consello asesor de pacientes, profesionais doutros niveis e categorías da Área Sanitaria da Coruña e Cee, así como doutras zonas do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Ao longo da xornada presentaranse diversos proxectos e iniciativas desenvolvidas na Área Sanitaria da Coruña e Cee, co obxectivo de promover unha atención máis próxima, accesible e comprometida coas persoas.

A Estratexia de Humanización da Asistencia Sanitaria, impulsada polo Sergas, céntrase en mellorar a relación coas persoas usuarias, crear espazos máis acolledores, simplificar trámites administrativos e fomentar un entorno de traballo satisfactorio. Na Área Sanitaria da Coruña e Cee, unha comisión multidisciplinar traballa nesta liña para identificar áreas de mellora en comportamentos éticos, infraestruturas e servizos.

O obxectivo final destas accións é respectar a dignidade e os dereitos das persoas usuarias, garantindo unha atención personalizada e accesible, á vez que se favorecen condicións óptimas para os profesionais. A xornada busca consolidar unha cultura de humanización que inclúa calidade, corresponsabilidade e compromiso social.

0.079805135726929