O CHUAC acada un récord histórico de transplantes en 2024

Un ano máis, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) consolídase entre os centros con maior actividade transplantadora a nivel nacional, cun total de 309 transplantes de órganos sólidos realizados en 2024. Este dato converte o pasado ano no de maior número de transplantes da historia do centro.
Durante o 2024, realizáronse 147 transplantes de ril (17 procedentes de doantes vivos), 64 de fígado, 64 de pulmón, 30 de corazón e 4 pancreáticos. Ademais, leváronse a cabo 5 transplantes infantís e 10 transplantes dobres.
A DOAZÓN SUPERA AS CIFRAS NACIONAIS
Dende o CHUAC destacan que o número de doantes acadou os 37 en 2024, dos cales 15 foron en asistolia controlada. A taxa de doazón na nosa Área Sanitaria situouse nos 67,5 doantes por millón de poboación, moi por riba da media estatal (52,6) e autonómica (50,7). Deste xeito, superouse amplamente o obxectivo de 50 doantes por millón de habitantes marcado pola Organización Nacional de Transplantes para 2024.
Cabe lembrar que España lidera a taxa de doazón a nivel mundial. Neste contexto, Galicia presenta un 19 % de negativas familiares, unha cifra inferior á media estatal (18,5 %). Este éxito explícase, en parte, pola baixa porcentaxe de negativas no CHUAC, que se situou no 15,90 %.
Estes resultados consolidan ao CHUAC como un referente na actividade transplantadora, reafirmando o seu compromiso coa doazón e o transplante de órganos para mellorar a vida dos pacientes.