O CHUAC acada a acreditación de excelencia no manexo da enfermidade inflamatoria intestinal

A Unidade de Atención Integral a pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII) do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) vén de obter a certificación de calidade de GETECCU, un distintivo que avala a excelencia asistencial e investigadora e sitúa o centro como referente rexional e estatal no coidado da enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa. A acreditación, emitida no marco do Programa CUE (auditado por Bureau Veritas e co apoio de AbbVie) foi entregada polo xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal, á responsable da unidade, Teresa Diz-Lois Palomares.
A unidade, de carácter multidisciplinar, dá seguimento cada ano a preto de 2.000 persoas, cun modelo que integra Aparello Dixestivo, Cirurxía, Radioloxía, Reumatoloxía, Anatomía Patolóxica, Farmacia, e as Unidades de Nutrición e de Gastroenteroloxía Pediátrica, en coordinación coa Unidade de enfermidades inmunomediadas (IMID). O equipo subliña que a avaliación continua dos procesos permite mellorar a práctica diaria e garantir homoxeneidade e calidade na atención, ao tempo que lembra o reto crecente polo aumento de casos e a complexidade clínica.
O obxectivo do servizo é controlar a EII en todas as súas dimensións (intestinal, xeral, persoal e social), previr complicacións e preservar a calidade de vida. A dirección da unidade destaca que, malia os avances, persisten necesidades non cubertas: diagnóstico máis temperán, ferramentas de detección melloradas e terapias máis eficaces e duradeiras para todo o espectro de pacientes. Por tratarse dunha doenza crónica e imprevisible, con brotes e períodos de remisión, a coordinación entre profesionais e a formación das persoas afectadas son claves para minimizar o impacto na vida familiar, laboral e social.