O Choqueiro toma Cambre para dar o pistoletazo de saída ao Entroido

ACoruñaXa
A figura presidirá a Casa do Concello ata o domingo 9 de marzo, seguindo a tradición
FOTO-CAMBRE--Descuberta-Choqueiro
28 Feb 2025

A descuberta do Choqueiro, un dos personaxes máis tradicionais do Entroido, dá inicio das celebracións en Cambre. A figura presidirá a Casa do Concello ata o domingo 9 de marzo. O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Óscar Barrientos, e a edil de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, acompañados por persoal da área de Cultura, estiveron presentes no destape do Choqueiro.

Con este acto, o Concello busca recuperar unha tradición moi estendida en parroquias como Cela ou Brexo Lema, onde os veciños e veciñas acostumaban a colocar estas figuras na entrada das súas vivendas para dar a benvida ao Entroido. O Choqueiro (tamén coñecido como Meco) representa as desviacións morais e era cualificado de lacazán ou lambón, sendo coñecido pola súa debilidade pola comida e o diñeiro.

Unha vez rematado o Entroido, e seguindo a tradición, o Choqueiro abandonará o seu lugar privilexiado na Casa Consistorial para recibir sepultura eterna.

O Concello de Cambre manterá aberto ata o mércores 5 de marzo o prazo de inscrición para participar no concurso de disfraces, carrozas e comparsas do 'Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo'. As persoas interesadas poden anotarse presentando a súa solicitude nos Rexistros de Cambre ou a través da sede electrónica do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.082309007644653