O CFP Nebrija da Coruña gaña a XVI edición do Programa Inicia cun proxecto de papel sostible
O Fórum Metropolitano acolleu este mércores a entrega de premios da XVI edición do Programa Inicia, que ten como obxectivo a difusión e implantación do espírito emprendedor entre o alumnado de Ciclos Formativos e Ensinos Especiais.
Ao acto acudiu o concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, cumprindo co compromiso do Goberno local en apostar por iniciativas educativas singulares que axuden á mocidade coruñesa a tomar contacto co mundo da empresa e o traballo. Durante a mañá, ademais de Borrego, tamén participou na xornada a concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira.
O primeiro premio deste ano foi para alumnos e alumnas do Centro de Formación Profesional Nebrija polo seu proxecto Respiro Sostible, unha iniciativa enmarcada na categoría de Administración e Finanzas na que se presentaba un papel ecolóxico absorbente obtido de residuos vexetais. Os autores do proxecto recibirán 300 euros cada un. O segundo premio foi para a iniciativa de enerxías renovables presentada por alumnos do IES Rosalía Mera baixo o nome de Unity Sistem. Os integrantes do equipo recibirán 200 euros cada un. O terceiro premio foi para o proxecto G Studio, centrado na produción de xoias dentais a medida e presentado por alumnos e alumnas do CIPF Anxel Casal. Cada membro do equipo recibirá 150 euros. Así mesmo, foron recibido senllos premios de 300 euros a profesora Montserrat López, do CFP Nebrija e o CPR Grande Obra de Atocha como centro máis implicado.
O concelleiro de educación destacou o excelente nivel de todos os proxectos presentados este curso, agradeceu aos docentes a súa implicación e apoio e animou aos participantes para manter o seu entusiasmo e iniciativa para sacar adiante os seus proxectos.