O CETIM en Culleredo recibirá 442.000 euros para mellorar as súas infraestruturas de investigación e ensaio
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantivo este venres un encontro con representantes do centro tecnolóxico CETIM de Culleredo para dar conta do apoio do Goberno galego aos seus proxectos de mellora de infraestruturas de investigación e ensaio, que recibirá unha axuda de preto de 442.000 euros. O titular de Ciencia tamén se reuniu cos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen e Gradiant da área de Vigo.
Con esta liña de axudas, a Xunta apoia a creación e ampliación das infraestruturas de investigación e experimentación destes centros galegos, cubrindo desde a adquisición de terreos e equipamento ata a construción ou ampliación de edificacións e activos inmateriais. “Con estas axudas queremos contribuír ao fortalecemento e ampliación das capacidades científico-tecnolóxicas destas entidades”, sinalou Román Rodríguez.
Durante o encontro, o representante do Goberno autonómico explicou que o obxectivo conxunto é “acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional, así como facilitar o seu crecemento, excelencia e actividades cara ao tecido produtivo”. Ademais, os proxectos están orientados á xeración de capacidade nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.
Neste sentido, cada solicitude inclúe un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que permitirá comprobar a sustentabilidade financeira das mesmas e estimar o seu impacto potencial no ecosistema galego de innovación. A intensidade dos apoios é a máxima permitida para este tipo de axudas, o 50%, cofinanciadas con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Infraestruturas apoiadas
O CETIM investirá un total de 883.000 euros na mellora da súa excelencia científica e de investigación no eido da Economía Circular, focalizando os esforzos nos seis ámbitos de investigación estratéxica do centro: baterías, augas, hidróxeno verde, polímeros sustentables, materiais de construción sustentable e industria sustentable.
Deste xeito, a actuación dará forma ao proxecto ‘Circular Excellence CETIM’, unha iniciativa singular e innovadora para o fortalecemento desa excelencia científica na comunidade. A través deste investimento, CETIM tamén quere incrementar o seu posicionamento e liderazgo en Europa.
Mantemento de 516 postos de traballo
Esta terceira convocatoria permitirá mobilizar ao redor de 16 millóns de euros contribuíndo ao mantemento de 516 postos de persoal altamente cualificado. En total, a través das tres convocatorias desta liña de axudas (2018, 2020 e 2024) téñense apoiado 19 proxectos con axudas por importe de 17 millóns de euros, mobilizando 35millóns de euros. Pero non son as únicas axudas a centros tecnolóxicos, desde o 2009 a Xunta de Galicia leva destinados un total de 207 millóns de euros de apoio.
Estas infraestruturas ocupan unha posición destacada no ecosistema galego de I+D+i, pois “o seu papel é esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial”, concluíu o conselleiro de Ciencia.