O certame estatal da FEPFI traslada a súa sede e reúne na cidade herculina a 350 profesionais

ACoruñaXa
Xosé Regueira destaca o ‘valor estratéxico’ do turismo profesional na apertura dun encontro que se celebra na Coruña até o 22 de febreiro
DIPU CORU xornadas audiovisuais
20 Feb 2026

A cidade da Coruña acolle o Certame de Cualificacións da Federación Española de Profesionais da Fotografía e da Imaxe (FEPFI), considerado o principal encontro anual do sector a nivel estatal. A cita, que reúne arredor de 350 profesionais da fotografía e do audiovisual chegados de distintos puntos do Estado, prolongarase até este domingo, 22 de febreiro.

Na inauguración participou o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, Xosé Regueira, quen salientou que a chegada do evento á cidade responde a un convenio coa FEPFI que supón un cambio de sede respecto da localización tradicional. Ao respecto, Regueira subliñou que ‘é un orgullo’ atraer a Galiza un congreso con décadas de traxectoria.

Durante a súa intervención, o vicepresidente puxo o foco no papel deste tipo de encontros no modelo turístico provincial, enmarcándoos na aposta polo turismo MICE (reunións, incentivos, congresos e exposicións). Segundo explicou, este segmento contribúe ao crecemento económico ao xerar un gasto medio por participante entre tres e cinco veces superior ao do turismo de lecer, ademais de favorecer alianzas público-privadas e avanzar na desestacionalización ao programarse fóra da tempada alta.

Regueira engadiu que iniciativas desta natureza reforzan a posición da provincia como porta de entrada a Galiza e teñen un efecto que vai máis alá dos días do congreso, xa que moitas das persoas que viaxan por motivos profesionais regresan despois acompañadas para gozar do destino.

A colaboración coa FEPFI incorpora tamén a presenza da mensaxe turística provincial ‘A paisaxe que sabe’, coa intención de potenciar a proxección do destino entre profesionais con capacidade de prescrición e difusión internacional.

⚙ Configurar cookies
0.079929113388062