O Centro Sociocultural A Senra de Bergondo, declarado oficialmente Espazo Sen Fume

O Concello de Bergondo deu un novo paso no seu compromiso coa saúde pública ao declarar o Centro Sociocultural A Senra como Espazo Sen Fume. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), busca concienciar á poboación sobre os riscos do tabaco e do vapeo, especialmente entre a mocidade.
A presentación oficial tivo lugar no propio centro e contou coa presenza da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, así como de representantes da AECC: a presidenta da Xunta Local, Oliva Trasancos; o representante da Xunta Provincial, Javier Álvarez Barbeito; e a psicóloga e técnica de promoción da saúde da entidade, Rosa Trillo.
Para visibilizar o compromiso adquirido, colocouse sinalización específica que identifica o espazo como libre de fume. Ademais, a xornada incluíu unha charla baixo o título “Coidar aos que coidan”, impartida por Rosa Trillo, na que se abordou a importancia do coidado físico e emocional das persoas que acompañan a doentes oncolóxicos.
Esta declaración enmárcase no convenio de dous anos asinado entre o Concello e a AECC, no que se recollen accións conxuntas orientadas a fomentar o abandono do consumo de tabaco e dispositivos electrónicos, así como a promoción de hábitos de vida máis saudables.
Desde o Concello subliñan que “o Centro Sociocultural A Senra atópase nunha contorna que inclúe zonas de xogo e deporte utilizadas por nenos e nenas, así como un centro educativo nas proximidades”. Por este motivo, recalcan a importancia de declarar espazos libres de fume “en lugares onde hai unha elevada presenza de menores, contribuíndo así á prevención e á sensibilización”.
A Asociación Española Contra o Cancro lembra que “o tabaco é responsable de 1 de cada 3 casos de cancro e está relacionado con ata 16 tipos distintos da enfermidade, incluíndo o cancro oral, que representa un 33 % dos casos”. Por iso, a creación de espazos sen fume é clave para “protexer a saúde da poboación e desnormalizar o consumo de tabaco e outros dispositivos en espazos públicos convivenciais”.
Con esta medida, Bergondo únese aos obxectivos europeos de saúde pública que aspiran a reducir a taxa de persoas fumadoras a menos do 5 % para o ano 2040, e reafirma o seu compromiso cunha vila máis saudable e consciente.