O centro do Mandeo en Chelo seguirá aberto todo o ano grazas ao convenio para 2026

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña e o Concello de Coirós renovan o acordo para garantir visitas guiadas, conservación do inmóbel e actividades de divulgación ambiental durante todo o ano
COIROS xose penas e fco quintela
9 Feb 2026

A Deputación da Coruña e o Concello de Coirós renovaron o convenio de colaboración para asegurar durante 2026 a xestión integral do Centro de Interpretación do Entorno Fluvial do río Mandeo, situado en Chelo. O acordo foi asinado polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas Corral, e polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo, coa finalidade de garantir un funcionamento regular do equipamento e a súa apertura ao longo de todo o ano.

O convenio fixa as bases para manter o servizo de atención a visitantes, a conservación do inmóbel e dos bens do centro e a programación de accións de divulgación vinculadas ao patrimonio natural do Mandeo. A xestión ordinaria corresponderá ao Concello, que asumirá a organización das visitas e o funcionamento do espazo durante a vixencia do acordo.

Entre as obrigas municipais inclúese dispoñer de persoal cualificado para a atención ao público, manter as condicións de limpeza e conservación, promover o uso normalizado do galego nas visitas guiadas e nos materiais de difusión e levar un control estatístico das visitas. Para o deputado provincial, a cooperación entre administracións resulta clave para soste-la actividade dun recurso con valor cultural, educativo e ambiental.

O horario mínimo establecido abrangue todo o ano, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026: abrirase venres e sábados en horario de mañá e tarde, e domingos só pola mañá, permanecendo pechado os luns e os días festivos.

No plano económico, a Deputación financiará os gastos non cubertos polos ingresos ata un máximo de 16.286,14 euros, o que representa o 88,81 por cento do custo previsto. A achega realizarase mediante pagamentos trimestrais, condicionados á xustificación de gastos e ingresos.

O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de marzo de 2027, aínda que as actividades obxecto do acordo deberán executarse e xustificarse dentro da anualidade 2026.

⚙ Configurar cookies
0.085824012756348