O centro de saúde do Ventorrillo inicia un cribado preventivo de cancro de pulmón

ACoruñaXa
O programa, artellado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, vai dirixido a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de 10 anos
Imaxe da presentación do programa de prevención de cancro de pulmón na Coruña
1 Abr 2024

Galicia consolídase como referente na prevención da saúde coa posta en marcha dun programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña que se vai sumar aos xa implantados de mama, colon e cérvix.

Ao acto de presentación da pilotaxe asistiron o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.

A pilotaxe organizada e supervisada pola Dirección Xeral de Saúde Pública vaise levar a cabo no centro de saúde do Ventorrillo da Coruña. Comesaña indicou que o cribado vai dirixido ás persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou que deixasen o tabaco hai menos de dez anos.

No centro do Ventorrillo hai 1.200 persoas que responden a este perfil e agora vanse facer unhas enquisas para seleccionar os candidatos a participar no cribado tendo en conta parámetros coma a alta exposición ao tabaco que tivesen nos últimos anos.

A finais de abril comezarase a citar aos seleccionados para que se sometan a un TAC e no caso de ser necesario, serán derivados á vía rápida de cancro de pulmón. E a todos os candidatos, participen ou non nas probas de cribado, se lles ofrecerá apoio para deixar de fumar.

No mes de xuño avaliaranse os resultados desta pilotaxe para estudar a posibilidade de ampliar este cribado ao conxunto de áreas sanitarias de Galicia. Tal e como salientou durante a presentación a médica de familia encargada da fase inicial do programa, Nieves Domínguez, o obxectivo é detectar en fases temperás un cancro que xa é o segundo con maior incidencia entre os homes e o terceiro nas mulleres e que é o que causa máis mortalidade nos varóns e o segundo no caso das mulleres.

Éxito doutros cribados

O cribado de cancro de pulmón sumarase aos xa existentes de mama, colon e cérvix que están a ter moi boa acollida entre a poboación. As taxas de participación oscilan entre o 46% do cribado de cancro colorrectal -na primeira vez, xa que a porcentaxe sube ao 90% entre os que xa participaron noutras ocasións- e máis do 80% que rexistra o cribado de cancro de mama. Estes tres programas de detección precoz -postos en marcha en 1992, 2013 e 2020, respectivamente- permitiron detectar máis de 13.000 cancros en pacientes da comunidade galega.

Aposta pola prevención

Tal e como destacou o conselleiro de Sanidade en funcións, a ampliación dos cribados coa pilotaxe de cancro de pulmón enmárcase na aposta da Xunta en materia de prevención da saúde que inclúe tamén campañas de promoción de hábitos de vida saudable ou o calendario de inmunización máis completo do mundo.

Á vangarda en oncoloxía

Por último, Comesaña lembrou que Galicia se vai situar á vangarda no tratamento e atención a pacientes oncolóxicos ao ofrecer as terapias máis innovadoras a través da medicina personalizada ou o futuro centro de protonterapia que se instalará en Santiago de Compostela e mediante a investigación e deseño de novos fármacos a través do centro de medicamentos CAR-T.

 

0.20061779022217