O centro cívico de Labañou someterase a unha reforma integral cun investimento de 620.000 euros

O Concello da Coruña vén de adxudicar as obras de mellora do centro cívico de Labañou, que suporán un investimento superior aos 620.000 euros. A intervención forma parte da primeira fase do Plan de renovación da rede municipal de centros cívicos, co obxectivo de modernizar estas instalacións e adaptalas ás necesidades actuais da veciñanza.
O proxecto inclúe a reforma parcial da envolvente exterior do edificio, a substitución da cuberta por un sistema illante que mellore a eficiencia enerxética, a instalación dunha nova lumieira para aproveitar a luz natural, a renovación das ventás e a actualización das instalacións de servizos. Estas melloras permitirán incrementar o confort e reducir o consumo enerxético.
A empresa Ábaco CR será a encargada de executar os traballos, que contarán cun prazo estimado de catro meses unha vez comecen. O Concello sinala que esta actuación é a primeira dunha serie que tamén beneficiará aos centros cívicos de San Diego, O Castrillón e Os Rosales, sumando un investimento conxunto que supera os 1,5 millóns de euros.
Segundo destacou a alcaldesa, Inés Rey, esta aposta polos centros cívicos responde á súa importancia como puntos de encontro veciñal e espazos de convivencia interxeracional, nos que se desenvolven actividades socioculturais, educativas e de ocio ao longo de todo o ano.