O CEIP Wenceslao Fernández Flórez, participará nun intercambio escolar con Portugal
Os escolares do CEIP Wenceslao Fernández Flórez realizarán un intercambio escolar con estudantes dun centro educativo da localidade portuguesa de Felgueiras, nunha iniciativa promovida polo Eixo Atlántico e que conta co financiamento do Concello da Coruña.
A través deste programa, o Goberno local facilita o intercambio entre escolares coruñeses con outros países, promovendo o coñecemento doutras culturas da eurorrexión.
O intercambio de escolares coruñeses realizarase con outro grupo de escolares do municipio portugués de Felgueiras, como grupo seleccionado entre os seis centros educativos que presentaron o seu proxecto á convocatoria (Manuel Murguía, Alborada, Ramón da Sagra, Wenceslao Fernández Flórez e José Cornide).
Para a súa elección, a comisión de valoración tivo en conta aspectos como o grao de innovación, orixinalidade e motivación do proxecto presentado, os recursos dispostos, a viabilidade técnica das propostas de actividades e as experiencias didácticas que promoven a sensibilización sobre a importancia de vivir en municipios integrados no Eixo Atlántico.
O intercambio terá lugar do 22 ao 24 de abril, desprazándose o alumnado de Felgueiras á Coruña; e do 8 ao 10 de maio para a aula 5º B do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, que viaxará ao municipio de Felgueiras. Os Concello da Coruña farase cargo de todos os gastos (desprazamentos, aloxamento e comidas, seguros de viaxe e de responsabilidade civil e acompañamento) e do apoio na organización de vistas e itinerarios polas súas respectivas cidades.